Apoios locais ao galego

LEMOS

A manifestación pola normalización lingüística de Santiago é secundada por trece colectivos da zona sur

15 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Trece colectivos do sur lucense apoiaron a manifestación convocada en Santiago para o próximo domingo pola Mesa pola Normalización Lingüística (MNL) baixo o lema Polo dereito a vivirmos en galego . A iniciativa foi secundada polas asociacións culturais Castelao, Os Lactouros, Amigos do Patrimonio de Lemos e O Castanhazo -de Chantada-, a Asociación de Artesáns Terras de Lemos, o colectivo feminino Terra do Saviñao e a Fundación Xosé Soto de Fión, radicada neste último municipio. Manifestáronse tamén a favor desta convocatoria os equipos de normalización lingüística dos institutos A Pinguela, Daviña Rey, Río Cabe e Lama das Quendas e do colexio público da Pobra do Brollón.

Os representantes da MNL na zona sur fixeron onte un chamamento aos veciños da zona para que acudan á referida manifestación, unha iniciativa que consideran necesaria ante a «situación difícil» en que se encontra ao seu xuízo a lingua galega, «nun momento que se mantén a perda de falantes e non se ven moitos cambios positivos neste terreo». As persoas que queiran acudir a Santiago e non dispoñan de medio de transporte poden chamar ao teléfono 622???538?????010.

Por outro lado, a MNL considera que no Concello de Monforte houbo «cambios positivos» desde o pasado ano no que respecta á normalización lingüística. «Creouse unha unidade permanente de normalización, que antes non había, e o Concello colabora na organización da Correlingua, que este ano se celebra por primeira vez na comarca», sinalou Andrés Gómez-Chao, representante desta organización. «Déronse algúns pasos, pero cremos que aínda non son suficientes e esperamos que no que resta de lexistatura se vexan máis avances», engadiu.

En ocasións anteriores, á MNL criticara ao goberno local por considerar que prestaba un escaso apoio ao uso normalizado do galego. Antes das últimas eleccións municipais, o colectivo pediu aos diferentes partidos que, en caso de chegar a gobernar o Concello, aplicasen o plano de normalización lingüística aprobado polo Parlamento de Galicia no ano 2004.