O fin da I República e a proclamación do Rei Alfonso XII supuxo que na vila se produxeran perdas de liberdade de varias persoas de distintas ideoloxías
13 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.A mudabilidade política supón, a nivel local, que haxa persoas e familias que se poñen a fronte da comunidade e que haxa individuos e familias que coa perda de protagonismo leven anexas perdas máis significativas como seren privados de liberdade, da vida e de bens.
Cando a I República finou co pronunciamento de Martínez Campos a nova situación traduciuse nunha comunicación dirixida o 10 de xaneiro de 1875 ao Goberno Civil de Lugo na que se dicía. «O Concello que teño a honra de presidir acordou asociar os seus sentimentos ao xeral da Nación que proclamou rei a don Alfonso XII e ofrecer a súa leal adhesión ao mesmo e o Ministerio Rexencia, que se encargou da gobernación do Estado. Ao participarllo a vostede non puido menos de rogarlle se digne transmitir ao Goberno da S.M. o acordo.
Solicitada información sobre o grao de aceptación do cambio político, o alcalde Sarria, e 16 de abril informou: «Que a opinión dominante neste distrito e case unánime favorable a restauración que afirmou os alicerces desta desquiciada sociedade, que os partidos Carlista, Republicano e Radical e especialmente os dous últimos apenas contan neste distrito con un só partidario, e se algún hai do primeiro non reúne condicións de valer e acción, polo que as súas ideas que podemos chamar platónicas non merecen fixar a atención da miña autoridade, que exercerá non obstante toda a exquisita vixianza que esixe o inapreciable beneficio da conservación da orde pública, e dará coñecemento de canto interese pode ao logro do mesmo.
O Goberno Civil, tento en conta a oposición dinástica carlista, seguiu acordando a súa persecución, e así o 23 de xullo o alcalde informou. «Remito a adxunta nota das persoas que constitúen as familias dos suxeitos deste distrito, cuxo desterro se encontra decretado por este goberno. Teño a honra de remitirlle as dilixencias de notificación participada á muller de don Manuel López Camba de Manán, en cumprimento do seu oficio sobre estrañamento ao Reino de Portugal. Referente á orde referida a don Vicente Barrigón Saravia non podo darlle cumprimento porque non ten parente ningún neste distrito ao que só ven dun pobo de Castela para exercer o cargo de mestre na escola de Mondín, ausentándose cando se levantou en armas en febreiro de 1873, e a súa muller moi pouco despois desta data, sen que haxa coñecemento do seu paradoiro. Don Evaristo Gayoso de Froián e don Manuel María López, de Seteventos, son maiores de idade e emancipados.
Estes significados carlistas sofreron nas súas carnes e nas das súas familias a consolidación de rama dinástica isabelina, despois de tantos anos torboentos.