Os servizos técnicos da delegación provincial de Cultura efectuaron o pasado venres a primeira catalogación de petróglifos que se leva a cabo en Pantón. Ata agora, os inventarios oficiais do patrimonio arqueolóxico non recollían ningún gravado rupestre neste municipio. Pero a Dirección Xeral de Patrimonio tivo coñecemento -mediante informacións publicadas neste periódico- do achado de varios grupos de petróglifos que foron localizados recentemente en Pantón polo concelleiro soberino Alfonso Campos e por Carlos Rueda, experto en sendeirismo e colaborador de La Voz. Son estes os gravados que acaban de ser examinados polos técnicos para a súa catalogación. Na parroquia de Espasantes catalogáronse dous grupos de insculturas no lugar de Torre do Castro, outro no lugar das Carizas e outro máis en Vilaxilde. Na parroquia de Vilar de Ortelle inventariouse outro conxunto de gravados rupestres no lugar de Pena de Cima da Costa e na de Acedre, unha pedra solta con gravados que se conserva na aldea de San Román, ao parecer procedente do monte do mesmo nome. Tamén foi catalogado un pedazo de rocha con petroglifos, de procedencia descoñecida, que está gardada nas dependencias municipais. Todos estes gravados axústanse ás diversas tipoloxías xa coñecidas dos petróglifos galegos e non presentan características especiais que os diferencien dos que se conservan noutras partes do país. De acordo coas hipóteses que manexan actualmente os arqueólogos, a cultura dos petróglifos puido expandirse polo interior de Galicia durante a Idade do Bronce a partir de importantes núcleos de poboación existentes na zona costeira, que é onde máis abundan os monumentos desta clase. Tal expansión demográfica teríase efectuado ao longo dos vales fluviais. Segundo esta teoría, os petróglifos do Val de Lemos serían obra de poboacións que se irían desprazando cara ao interior polo val do Miño, mentres que os que existen na zona de Antas de Ulla e Palas de Rei estarían asociados a outra vía de penetración ao longo do río Ulla. A existencia de petróglifos en Pantón foi mencionada xa hai moito tempo polo escritor e folclorista Leandro Carré, aínda que estes gravados nunca foran estudados polos arqueólogos.