Os populares afirman que as comarcas de Chantada e A Ulloa foron «excluídas do mapa» pola Xunta

La Voz

LEMOS

22 ene 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Os parlamentarios autonómicos do grupo popular afirmaron, nunha reunión celebrada onte en Chantada, que esta comarca e a da Ulloa foron «excluídas do mapa» pola Xunta, «xa que nos dous anos e medio transcorridos desde o cambio de goberno todos os grandes proxectos que afectan a esta zona foron anulados ou paralizados». O portavoz do grupo, Manuel Ruiz Rivas, destacou a este respecto os proxectos das autovías de Chantada a Monforte e de Lugo a Ourense. Con respecto ao primeiro, dixo que «permanece aparcado desde xuño do 2003, cando o Goberno central adxudicou o estudo informativo que someteu a información pública en maio do 2007». Polo que toca á segunda autovía, recordou que, segundo os cálculos iniciais, debería entrar en servizo no 2010 e dixo que «o Ministerio de Fomento a mantivo paralizada durante a última lexislatura e só se acordou dela ao disolver as Cortes, licitando as obras dun único tramo».

Os populares mencionaron tamén o proxecto de construción dunha nova residencia xeriátrica para Chantada e «a negativa da Xunta a financiar a posta en marcha de centros de día en Chantada, Carballedo e Taboada». Os participantes na reunión instaron ao vicepresidente autonómico Anxo Quintana a aproveitar a visita que efectuará hoxe a Chantada para explicar «por que privou á localidade dunha residencia da terceira idade».

Por outro lado, os parlamentarios do PP anunciaron que instarán á Xunta a crear unha liña de axudas directas aos viticultores -en forma de paga única- e a promulgar unha norma que permita que a eliminación de viñedos sexa unha opción voluntaria limitada ás áreas de montaña, como é o caso da Ribeira Sacra. O PP cre necesario tomar estas medidas para compensar os prexuízos que sufrirá o sector vitivinícola a causa das reformas derivadas da Organización Común de Mercado e que segundo os cálculos do sindicato Xóvenes Agricultores -expostos na reunión- farán perder trece millóns de euros aos viticultores da Ribeira Sacra.