Monforte está nos cupóns

LEMOS

Os boletos do sorteo que celebra hoxe a ONCE inclúen unha imaxe do monumental Colexio da Compañía

07 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

MONFORTE | O patrimonio monumental de Monforte será máis coñecido a partir de agora en todo o territorio español. A imaxe emblemática do Colexio da Compañía aparece reproducida nos cupóns do sorteo que celebra hoxe a Organización Nacional de Ciegos de España (ONCE). Os cupóns que se poñen á venda son 5.700.000, de maneira que esta pode considerarse seguramente como a maior difusión gráfica que tivo ata agora este monumento construído por iniciativa do cardeal Rodrigo de Castro entre os séculos XVI e XVII.

A presidenta do Consello Territorial da ONCE en Galicia, Dolores Venancio Vilaboy, visitou onte Monforte para entregar ao Concello unha reprodución do cupón en grande formato. Trátase dunha réplica ampliada e enmarcada da prancha orixinal coa que foron impresos os boletos deste sorteo.

Imaxe en aluminio

A placa está confeccionada en aluminio, o mesmo material co que son fabricadas as pranchas utilizadas na impresión dos cupóns, pero o seu tamaño -de 65,4 por 52,4 centímetros- é notablemente maior que estas. A singular peza, que foi recollida polo alcalde Severino Rodríguez, pasará a formar parte do patrimonio municipal.

Os cupóns impresos mostran unha imaxe fotográfica en cor do monumental edificio, o logotipo oficial de Monforte e as cifras de superficie e poboación do municipio, xunto cun mapa de España que indica a súa pertenza á comunidade galega.

A iniciativa forma parte dunha serie de cupóns que a ONCE está dedicando a dar a coñecer os municipios españois de entre 10.000 e 25.000 habitantes. Falta agora por ver se este cupón de motivo monfortino deixa algún premio na comarca de Lemos.