En directo | Seguridade e voluntariado Unha trintena de voluntarios de Protección Civil de varias localidades do sur lucense participaron en Monforte nunhas xornadas sobre incendios forestais e urbanos
23 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.?nha serie de práticas de extinción de lumes no mercado gandeiro de Monforte e unhas visitas guiadas ás bases de helicópteros e avionetas antiincendios do Marroxo e de Doade puxeron onte o punto final a un curso formativo no que participaron unha trintena de voluntarios de Protección Civil das comarcas de Lemos, Chantada, Quiroga e Sarria. O obxectivo básico é mellorar a formación dos voluntarios en cuestión de incendios urbanos e forestais, pero o curso tamén proporciona puntuación aos alumnos que desexen opositar para bombeiros. O curso comezou a impartirse o pasado día 13, tivo unha duración de corenta horas e formaba parte do programa formativo da Academia Galega de Seguridade para as agrupacións de Protección Civil. Para a agrupación monfortina, segundo explica o seu responsable, César Martínez, tivo a utilidade de completar a formación dos seus voluntarios en materia de incendios. «Actualmente contamos cunha trintena de voluntarios e tíñamos oito que aínda non pasaran por un curso desta clase. Agora xa temos a totalidade do persoal preparado para actuar neste tipo de incidentes», sinala Martínez. Ademais dos voluntarios monfortinos, asistiron ao curso integrantes da recentemente creada agrupación de Ribas do Sil e das que funcionan nos municipios de Chantada, Sarria, A Pobra do Brollón e O Courel. Todos eles pasaron previamente por un curso básico que os capacitou para recibir formación de segundo nivel, que é a que se impartiu durante este mes en Monforte. A Academia Galega de Seguridade tamén ofrece periodicamente ás agrupacións de Protección Civil cursos de accidentes en estrada e de socorrismo.