En directo | Promoción do galego O colexio da Gándara recibirá 2.200 euros da Xunta polo seu proxecto de normalización lingüística
01 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.SEMANA DAS LETRAS. O colexio da Gándara entregou onte os premios dos certames da semana das letras galegas ? proxecto de normalización lingüística presentado polo colexio monfortino A Gándara foi este curso o que recibiu unha maior puntuación da Xunta entre todos os da provincia de Lugo. Os autores do proxecto, obra dun equipo de profesores coordinado por Concepción Marcos, constatan que o uso do galego «ten medrado nos últimos anos como lingua habitual de comunicación entre mestres, pais e persoal non docente». A secretaría xeral de Política Lingüística entregaralle ao colegio 2.200 euros polo proxecto. O seu plan foi ideado co obxectivo de facer do galego o idioma normal do colexio. Para iso propuxéronse velar polo cumprimento das horas de docencia en galego que establece a lei e promover o uso desa lingua como a habitual en calquera actividade, dentro ou fóra das aulas. Celsa Varela, xefa de estudos e integrantedo equipo de normalización, cre que as propostas do proxecto foron ben recibidas por toda a comunidade educativa. «Non nos chegou queixa ningunha nin dos ensinantes, nin dos pais nin tampouco dos alumnos», explica. Según consta no proxecto, no colexio da Gándara hai aproximadamente un 50% de alumnos que teñen o galego como lingua familiar e outro tanto que nas súas casas utilizan o castelán. Desde este curso, no primeiro ciclo de primaria utilízanse libros de texto en galego en todas as asignaturas, agás a de lingua castelá. Non ocorre igual co material complementario, case todo en castelán. Pero o proxecto non incide tanto no cumprimento dos mínimos de clases en galego como na realización de campañas ao longo de todo o curso. Boa parte delas organizáronse en maio ao redor da semana das letras, pero a actividade mantense estable todo o ano, con convocatorias como a das tarxetas de nadal, as sesións de contacontos ou a participación no concurso de relatos orais Tíralle da Língua, da asociación socio-pedagóxica galega. A maioría teñen aos escolares como destinatarios. Pero outras son específicas para os pais, como o reparto de tarxetas co lema «Faládelles galego» no mes de maio. Según Celsa Varela, os resultados do proxecto deste curso e do traballo dos últimos anos xa vai diluíndo clichés negativos. «É importante evitar -explica- cousas como aquilo de que aos nenos máis pequenos se lles fala automáticamente en castelán, agora teño compañeiros castelanfalantes que cambian ao galego cando se dirixen anos nenos».