Crónica | Os Marqueses de Casa López Este título nobiliario foi concedido polo pontífice León XIII o día 8 de maio de 1896 á viúva de don Matías López, Andrea de Andrés, á que sucedeu a súa filla Asunción
26 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.Poucos son os títulos nobiliarios relacionados dalgunha maneira con Sarria: Os Condes de Sarria, os Marqueses de Sarri, O Vizcondado de Laiosa, o Marquesado de Viance. A estes engadiuse no século XIX un título de concesión papal, o de Marquesa de Casa López, concedido o 8 de maio de 1896 polo pontífice León XIII a dona Andrea de Andrés Sánchez, viúva do industrial, político e filántropo sarriao don Matías López López, en atención os merecemento do seu marido. Ao falecemento de don Matías López, en 1891, quedáronlle tres fillas, Rosa, María do Carme e Asunción López de Andrés. Falecida dona Andrea de Andrés (primeira Marquesa de Casa López, filla adoptiva e predilecta de Sarria), a súa filla dona Asunción López de Andrés pasou a ser a segunda Marquesa de Casa López. O fillo desta, don Manuel de Cendra y López, foi o terceiro marqués o 28 de xaneiro de 1904, e casou con dona Carlota Frígola e Muguiro, filla do barón do Castillo de Chirel e da Marquesa de Salinas. Froito deste matrimonio foron don Andrés, don Carlos e dona Carlota. A liña seguiu con don Andrés. Don Carlos tivo oito fillos, outros tantos dona Carlota e dona María non tivo sucesión. Cuarto marqués Don Andrés de Cendra e Frígola foi o cuarto marqués o 4 de maio de 1958. Casou con dona Carme Aparicio y Pérez del Pulgar, sendo froito deste matrimonio catro fillos: dona Paloma, don Manuel, don Javier e don Andrés. O sexto marqués foi don Manuel de Cendra e Aparicio, que na actualidade mantén a memoria da primeira marquesa, persoa que en Sarria foi moi querida, pois a ela se debeu o labor de darlle cumprimento ao legado establecido polo seu marido para a creación de escolas públicas, e a súa xenerosidade se debeu a construción do hospital da Nosa Señora do Carme, no campo de Outeiro (O Mazadoiro). Fora do nome da rúa Marquesa de Casa López, ningunha outra referencia hai en Sarria con relación a este título, e como Villa Andrea pasou a outra rama familiar, que enlazaría cos Oñate, a familia Cendra ningún vencello patrimonial ou sentimental conserva hoxe en Sarria ou na comarca. Hai que insistir, unha vez máis, no eito de que don Matías López López non alcanzou título nobiliario ningún, pois o Marquesado, con orixe de nobreza pontificia, foi creado para a súa viúva. Villa Andrea, o palacete de vacacións de don Matías López en Sarria, hoxe de propiedade municipal, unha vez falecida a primeira marquesa e feitas as partexas dos bens, perdeu toda relación co marquesado familiar, pasando a ser posuído polos Marqueses de Ugena, e así don Matías de Oñate y López, neto de don Matías López, e natural de Sarria, e mesmo residente na vila, e máis adiante os seus descendentes, conservaron a humilde casa natal do filántropo sarriao, poñendo en venda Villa Andrea. Nos últimos anos membros da familia Oñate adquiriron casas na comarca de Sarria, coa que sempre se sentiron moi unidos, abrindo novas liñas de afectividade co solar familiar. Por razón da íntima relación con Sarria amosada por don Matías Oñate López, unha das rúas da vila leva, desde 1958, o nome do Marqués de Ugena e o seu retrato está no salón de plenos do Concello, formando parte da galería de Fillos Ilustres, cativo recoñecemento para o labor dos descendentes de don Matías López. Con relación a familia Cendra non hai constancia de que, fora de dona Asunción López de Andrés e o terceiro Marqués de Casa López, nos seus primeiros anos, mantiveses presenza ou relación coa vila.