Doces ecolóxicos feitos con castañas da Serra do Courel

Francisco Albo
Francisco Albo QUIROGA

LEMOS

En directo | Novas iniciativas empresariais Unha parella de emprendedores prepárase para comercializar alimentos elaborados con produtos locais e baseados en receitas típicas da zona

26 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

?ai poucos meses, dúas veciñas do Courel crearon unha pequena empresa para elaborar e comercializar tortas feitas con castañas do Courel. Para o próximo outono está prevista a definitiva posta en marcha doutra iniciativa empresarial baseada en produtos típicos da comarca. Neste caso trátase de fabricar e vender marmeladas de castaña, cereixa, arando e mora, así como castañas en xarope. A parella formada pola quiroguesa Verónica Núñez e o courelao Daniel Arza xa presentou estes produtos na Festa da Serra de Ferreirós e en diversas feiras, a fin de comprobar a posible resposta do público. O resultado, segundo afirman, foi moi positivo. Núñez e Arza proxectan distribuír os seus produtos -para os que xa solicitaron o selo de produción ecolóxica- en tendas de delicatessen de toda Galicia e de Barcelona. Ao principio venderanse sobre todo nas casas de turismo rural do Courel, pero a parella pretende tamén abrir unha tenda especializada na zona. Cando a iniciativa comece a ser rendible, esperan dedicarse a ela de forma exclusiva e incluso contratar polo menos a un par de traballadores. «No Courel non hai hoxe máis saídas económicas que a pizarra ou a gandería, pero pensamos que se poden facer outras cousas», explica Verónica Núñez. Os produtos son elaborados artesanalmente, de acordo con receitas tradicionais do Courel. As castañas e as cereixas proceden das propiedades familiares e dalgúns veciños. Os froitos silvestres son colleitados no monte. Os dous emprendedores experimentan ademais con outro produto que consistiría nunha mestura de castañas e noces en xarope e estudan ao mesmo tempo comercializar castañas secas e en verde.