A Áspera, un novo enclave paleolítico de interese especial

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE

LEMOS

No municipio de Bóveda apareceron útiles nun contexto estratigráfico O lugar será investigado de forma exhaustiva polos arqueólogos

24 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

UN ACHADO SINGULAR. Os arqueólogos examinan un corte do terreo na localidade da Áspera, no municipio de Bóveda, onde en días pasados foron encontrados algúns artefactos do Paleolítico superior ? final da segunda campaña de investigación dos xacementos paleolíticos do sur lucense deparou un dos achados de maior interese realizados ata agora na zona. Nos seus últimos traballos, os arqueólogos localizaron dous pequenos artefactos líticos nun contexto estratigráfico, é dicir, depositada no interior dun sedimento. As pezas foron encontradas nun corte do terreo xunto a unha pista da localidade da Áspera, pertencente á parroquia de Ribas Pequenas, no municipio de Bóveda. O feito de encontrar artefactos nestas condicións é de especial interese para os investigadores, xa que a análise do terreo onde aparecen embutidas as pezas pode proporcionar numerosos datos científicos, permitindo averiguar a idade do obxecto ou saber como eran as condicións ambientais e a vexetación da zona na época en que foi fabricado. Dos centos de pezas localizadas ata agora na comarca de Lemos, só unha -no lugar do Regueiral, na parroquia monfortina de Chao do Fabeiro- estaba en contexto estratigráfico. Todas as demais foron achadas na superficie do terreo, fóra do seu contexto orixinal, o que reduce moito a información que se lles pode extraer. Non obstante, o novo achado presenta certos problemas. O terreo onde apareceron os artefactos parece non ser o mesmo en que os abandonaron por última vez os seus fabricantes. A primeira impresión dos investigadores é que pode tratarse do que se coñece como coluvio, un depósito creado por un arrastre violento de terras. Os terreos deste tipo son producidos con frecuencia por alteracións ou erosións bruscas, causadas a miúdo por chuvias torrenciais, riadas ou incendios. «Os obxectos que encontramos na Áspera probablemente foron desprazados do seu xacemento primitivo por un movemento de terras», explica o arqueólogo Arturo de Lombera. «Se ese movemento se produciu en tempos relativamente modernos, a análise do terreo non nos dará moitos datos de interese, pero se foi nunha época máis ou menos cercana á da fabricación dos obxectos, talvez nos sirva para asignarlle unha idade mínima, é dicir, para determinar, por exemplo, que cando menos teñen 10.000 anos de antigüidade», engade. Lugar estratéxico Os arqueólogos, por outro lado, supoñen que os artefactos paleolíticos da Áspera non deben de encontrarse moi lonxe do seu xacemento orixinal. O lugar, ao seu xuízo, debeu ofrecer unha posición estratéxica especialmente interesante para as poboacións de cazadores-recolectores do Paleolítico, polo que cabe a posibilidade de que aquí existisen asentamentos permanentes. «A Áspera está nunha zona elevada entre as depresións de Bóveda e Monforte e ofrece unha visibilidade moi ampla, polo que seguramente foi un punto moi útil para vixiar de forma constante os movementos dos rebaños de animais salvaxes que cazaban aquelas poboacións», sinala De Lombera. O terreo onde foron localizados os artefactos será examinado proximamente polo xeógrafo Augusto Pérez Alberti, un dos asesores deste proxecto científico. Os arqueólogos, por outro lado, recolleron mostras da terra que rodeaba estas pezas, que serán analizados nos laboratorios da Universitat Rovira i Virgili de Tarragona. Mediante estes estudos, espérase poder determinar a antigüidade do sedimento e, se é posible, obter datos concretos sobre a cronoloxía das pezas e sobre o medio ambiente e o clima en que viviron os seus fabricantes. O mesmo procedemento será aplicado ás mostras recollidas o ano pasado no xacemento do Regueiral.