En directo | Día das Letras Galegas A Real Academia Galega centrará as homenaxes a María Mariño nos lugares onde escribiu a súa obra e onde morreu
30 mar 2007 . Actualizado a las 07:00 h.NOVA IMAXE. Retrato de María Mariño polo pintor Alfonso Costa, nun libro recén editado sobre a poetisa ? municipio do Courel acollerá os actos centrais do próximo Día das Letras Galegas, dedicado á poetisa María Mariño Carou, segundo lle foi confirmado onte ao goberno municipal pola Real Academia Galega. As actividades institucionais desenvolveranse, por unha parte, na aldea de Parada, onde a escritora residiu durante a última etapa da súa vida e onde escribiu a parte máis importante da súa obra. Tamén está previsto realizar unha ofrenda no cemiterio de Seoane, onde está a sepultura da homenaxeada. Finalmente, celebrararase un acto no centro sociocultural de Seoane. O Concello do Courel tiña previsto acondicionar a tumba de María Mariño, falecida en 1967, dado que nos últimos tempos presentaba un aspecto algo deteriorado. Non obstante, os representantes da Academia Galega consideraron innecesario facer obras de mellora na sepultura. «A tumba está bastante mellor conservada do que parecía e só será necesario repoñer un par de letras na inscrición da lápida e acondicionar un pouquiño o entorno, que estaba algo descoidado», sinala o alcalde, José López Fontal. Aínda que era natural de Noia, O Courel tivo un papel moi importante na vida de María Mariño, motivo polo cal os académicos decidiron celebrar neste municipio os actos máis destacados do 17 de maio. María Mariño chegou ao Courel co seu marido, Roberto Posse, que foi mestre de escola nas localidades de Romeor e Parada. Alí pasou o resto da súa vida -con escasas saídas- e alí coñeceu ao poeta Uxío Novoneyra, quen a animou a escribir poesía en galego e deu a coñecer as súas creacións nos medios culturais.