Numerosas personas asistiron na praza do Piñeiro á inauguración da esculltura Severino Rodríguez cualificou ao falecido mandatario como «monfortino paradigmático»
17 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.? antigo alcalde de Monforte Celestino Torres Rodríguez, falecido no 2005, xa ten unha estatua á súa memoria na cidade. Numerosos veciños asistiron onte na praza do Piñeiro, no barrio dos Chaos, á inauguración do monumento creado por suscrición popular, situado non moi lonxe do último domicilio do homenaxeado. O acto celebrouse sobre as dúas tarde, cun pouco de retraso sobre o horario inicialmente previsto, e contou coa participación dos familiares máis directos do antigo alcalde e deputado. Un dos seus fillos, chamado igualmente Celestino Torres, tomou brevemente a palabra para agradecer con emoción a homenaxe. Outro fillo, Iván Torres, encargouse de descubrir a escultura, cuberta cunha bandeira galega. Falou tamén o escultor Secundino Rivera, quen quixo dedicar a obra «a todos os nenos de Monforte, porque Celestino Torres é un exemplo de dignidade e de conduta na vida». O artista, que coñeceu persoalmente a Torres, afirmou tamén que se esforzou especialmente por reproducir coa máxima fidelidade o modelo. Precedentes No acto tamén pronunciou unha alocución o director do instituto Daviña Rey, Vicente Docasar, quen explicou o desenvolvemento da iniciativa de homenaxe ao antigo mandatario, na que tomou parte. Recordou que o que se propuxera inicialmente, por parte da agrupación comarcal de UGT, fora cambiar o nome da praza do Piñeiro para darlle o de Celestino Torres. Aquela primeira idea foi desbotada, dado o arraigo popular do nome tradicional do lugar, e acabou converténdose no proxecto de erixir un monumento neste mesmo espazo. O alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, pechou o acto cunha alocución na que cualificou ao seu antecesor como «unha persoa complexa, poliédrica e difícil de etiquetar, e sobre todo unha boa persoa». Rodríguez tamén destacou o constante compromiso de Celestino Torres con Monforte e co seu desenvolvemento. A este respectou, definiuno como «un monfortino paradigmático», a pesar de que era natural do veciño municipio da Pobra do Brollón.