En directo | Tradicións carnavalescas A Asociación Río Lor presentou a primeira publicación dedicada ao popular festexo de Salcedo, na Pobra do Brollón, que volverá celebrarse o próximo luns
16 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.? Oso de Salcedo, unha das figuras máis características do carnaval rural do sur lucense, xa ten unha publicación dedicada a el de forma excusiva. Na localidade foi presentado onte un pequeno libro editado pola Asociación Río Lor, realizado en colaboración coa asociación veciñal de Salcedo, que ten por obxectivo axudar a incrementar a ampla popularidade que está adquirindo o Oso nos últimos tempos. A publicación, de 36 páxinas, títulase simplemente Oso de Salcedo e explica dunha forma sinxela, mediante imaxes e textos breves, en que consiste e como se desenvolve este peculiar festexo de Entroido, de carácter único en Galicia, sen profundizar nas complexas dimensións históricas ou antropolóxicas que rodean a figura do Oso. Os diversos aspectos da festa son reflectidos graficamente nunha serie de dezaoito fotografías en branco e negro. Tanto as informacións como as imaxes foron proporcionadas pola asociación de veciños. Río Lor editou 3.000 exemplares da obra, que serán distribuídos gratuitamente pola propia asociación, polo colectivo veciñal de Salcedo e polos sete concellos que forman parte desta entidade xestora do plano Leader Plus. Na realización deste proxecto investíronse cerca de 3.000 euros. Outras publicacións A iniciativa encádrase nunha serie de actuacións editoriais de Río Lor que teñen por obxectivo divulgar e promover os atractivos naturais e culturais deste territorio. A asociación xa editou con anterioridade a guía de sendeirismo Caminos de O Courel e, máis recentemente, unha publicación sobre o patrimonio xeolóxico da Serra do Courel, con especial atención ao pregamento de Campodola. Río Lor ten previsto editar outras tres publicacións deste tipo, dedicadas a divulgar diferentes recursos turísticos da zona.