TRIBUNA | O |
01 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.ESTÁ AÍNDA por decidir o trazado definitivo da polémica autovía A-76, a pesar de que o secretario de organización do PSOE (que non é o responsable do Ministerio de Fomento) xa dá a cousa por feita. Estaba tamén por decidir a ubicación da sede da Confederación Hidrográfica do Miño, que parece que vai saberse para o mes que vén, seguindo esa tradición tan nosa que consiste en que todas as cousas sempre se resolven precisamente o mes que vén. Estaba tamén por decidir se no Courel vai construírse ou non o primeiro centro de investigación científica do sur lucense, un proxecto que leva conxelado un montón de anos e que non acaba de desconxelarse. E tamén está por decidir onde se vai levantar a residencia xeriátrica que a Xunta ten previsto construír nalgún lugar do sur lucense, que era algo que ía saberse no xa defunto mes de xaneiro do 2007. Parece como se nos últimos tempos houbese un empeño por manter aos veciños destas provincias do interior galego nunha situación de suspense continuo. ¿A autovía irá por Monforte ou por Trives? ¿A sede da Confederación Hidrográfica irá ao final para Lugo, para Monforte, para Ourense, para algunha aldea deshabitada...? ¿A residencia caerá en Monforte, en Chantada, en Quiroga? E sobre todo: ¿é preciso, imprescindible e inevitable esperar a estar nunha época preelectoral para tomar todas estas decisións? ¿Non podían estar decididos e resoltos todos estes asuntos hai tempo? Pois non, parece ser que non. Por algunha razón ou por ningunha. Porque as cousas levan o seu tempo. Ou por cuestión de trámites. Ou porque os astros o quixeron así. O caso é que toca aguantar suspense e máis suspense, precisamente en época preelectoral. Que curioso, ¿non si?