Sete décadas de bon pan

Xaime López Arias SARRIA

LEMOS

Crónica | O Forno do Rosquilleiro As rosquiñas polas que en tres cuartos de século deveceron os nenos de Sarria pasarán a historia. Este histórico negocio pechou e o seu lugar será ocupado por un novo edificio

20 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

O 25 de abril de 1931, Leonardo Prieto López, de 42 años, forneiro e veciño de Sarria, presentou solicitude dirixida ao recén estreado alcalde presidente do Concello de Sarria, en realidade presidente da comisión xestora do Concello republicano, indicando que no camiño chamado Corga de Vales, construíra recentemente un edificio de planta baixa. Este local está emprazado dentro da finca de que era dono e a distancia duns 13 metros da parte interior da parede e dentro do dito edificio e parte posterior do mesmo pretende o expoñente construír un forno para cocer pan destinado a venda ao público, quedando a unha distancia de 25 metros do camiño público e a máis de 50 do edificio máis achegado, polo que reúne as condicións axeitadas ao seu funcionamento. O alcalde, don Camilo González Macía deu decreto en 27 de abril para que a comisión informase, e así o 30 de abril de previo recoñecemento sobre o terreo e visto que o mesmo reúne as condicións axeitadas para que alí poda ser construída e para que, sen perigo de ningún xénero poda autorizarse a súa apertura e funcionamento, así o acorda. Licenza A licenza de permiso de actividade aparece asinada polo presidente da comisión xestora municipal en 11 de maio de 1931. O expediente resolveuse en 16 días. Hoxe entre Concello, Sanidade, Patrimonio e un longo etcétera unha licenza similar, con vento en popa e todas as bendicións posibles, non se logra en menos de 26 meses. Está claro que en cuestión de licencias administrativas estamos chegando a límites raiando no milagre. E cecais a axuda de San Antonio e demais santos avogosos sexa o único xeito de conseguilas. Don Leonardo Prieto López tivo sorte de abrir o forno en 1931. Este forno, rexentado primeiro por Leonardo Prieto López e Filomena López e despois por Pedro Prieto López, casado con Pilar González López e Xulio Prieto González, casado con Pilar Díaz López, estivo aberto ata hai pouco tempo. Era popularmente coñecido como Forno do Rosquilleiro, polo costume altamente valorado entre o público infantil de darlles ao menos uns rosquiños de masa cocida cando ían a mercar pan. A singularidade da edificación, arredada da Corga de Vales e das edificacións da entón rúa do Porvir, presentaba altos índices de seguridade, pola peligrosidade potencial de incendios derivados da combustibilidade das leñas utilizadas para roxar os fornos, aspecto este que os concellos miraban moito, e non era casualidade que o histórico barrio dos Fornos de Atrás, quedase separado da vila, e que cando nas primeiras décadas do século XX na Travesa da Igrexa se montou un forno cun alpendre anexo, os munícipes, por unanimidade, acordaron suprimilo. Máis adiante houbo manga ancha e os fornos instaláronse todos no interior da poboación, sen moitos miramentos á hora de que houbese ou non casas apegadas. O cesamento na actividade trae agora o derrube do Forno do Rosquilleiro e en poucos meses o solar con fronte a rúa Pedro Saco Rúa Nova e Xograr Afonso Gómez, verá medrar unha nova edificación de vivendas e baixos comerciais. As rosquiñas polas que en tres cuartos de século deveceron os nenos de Sarria, os bolos, asados e empanadas seran tan só lembranza duns poucos.