Adeus, «calle del Burato»

LEMOS

TRIBUNA | O |

15 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

TANTOS ANOS de espera, tanta queixa, tanta vergoña e tanta mofa, e cando por fin desaparece case ata se bota en falta. O famoso e pintoresco letreiro Calle del Burato era en Monforte o emblema máis significativo da anormalidade lingüística que arrastra Galicia desde tempo inmemorial. Todo un monumento á trapallada idiomática e á diglosia charramangueira, como o foi tamén durante moito tempo o célebre topónimo Niño de la Guía , que soportou oficialmente a localidade de Niñodaguia, en Xunqueira de Espadanedo, desde que a algún funcionario de escasas luces, quen sabe cando, se lle ocorreu «traducilo» ao castelán, seguramente porque o nome orixinal e enxebre lle soaba demasiado rústico. O modesto letreiro do barrio de San Vicente encerraba quizá toda unha lección histórica. Porque o certo en que en Galicia predominou durante moito tempo esa curiosa mentalidade para a cal, certamente, resultaba máis fino, educado e moderno dicir e escribir cousas como Niño de la Guía e calle del Burato . O cal se cadra pode dicir moito sobre o nivel cultural e a estrutura psicolóxica de certas «élites» que rexeron este país ao longo de séculos e talvez podería explicar bastantes eivas históricas e bastantes cousas raras que, por desgraza, aínda hoxe nos caracterizan. En fin, máis de vinte e seis anos de autonomía, que non son poucos, tiveron que pasar para que a normalización idiomática chegase á recóndita calle del Burato . E antes de pasar definitivamente á historia, o rechamante letreiro acastrapado aínda foi capaz de provocar algunha liorta entre a Mesa pola Normalización Lingüística e os membros nacionalistas do goberno municipal. É dicir, o teimoso letreiro logrou morrer matando. Sen dúbida merecería conservarse nun museo dedicado aos aspectos máis absurdos da nosa historia.