Patrimonio sen interese

LEMOS

TRIBUNA | O |

05 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

O FEITO de que só tres monumentos fosen catalogados como Ben de Interese Cultural desde 1982, a primeira vista, non parece indicar que os poderes públicos estivesen precisamente apaixonados pola protección do patrimonio histórico do sur lucense. Estas comarcas carecen indubitablemente de moitas cousas, mais ninguén pode dicir que se non se lles prestou máis atención foi por falta de monumentos e de patrimonio. O que alguén debería explicar é como se pode conciliar tan escaso interese pola protección dos nosos lugares de interese histórico e cultural coas proclamas que desde hai moitos anos emiten regularmente as altas esferas cando se refiren a estas terras, segundo as cales o noso futuro ten que basearse impepinablemente no fomento do turismo, e sobre todo, claro está, do turismo cultural. Claro que mentres facían tales proclamas, tamén tardaban anos e anos en abrir un parador en Monforte -por exemplo- e cando por fin abriron o parador, houbo que insistir unha e outra vez para que consentisen en mantelo aberto durante todo o ano. Pero xa non se trata das incoherencias dos nosos gobernantes nin dos posibilidades supostas ou verdadeiras que ten o turismo nestas comarcas. Trátase de que un país civilizado non pode ter o seu patrimonio histórico abandonado, arruinado, cuberto de silvas e exposto ás agresións de calquera desaprensivo, como sucede aquí con tanta frecuencia. O patrimonio histórico é un ben que debe ser protexido polo seu valor intrínseco, tanto se serve para atraer turismo como se non. Que desde 1931 ata hoxe os poderes públicos non encontrasen neste considerablemente extenso territorio máis que unha vintena de espazos dignos de ser protexidos como monumentos di bastante pouco do noso nivel cultural.