Mario Lois Pérez Domínguez comezou a colaborar hai vinte anos coa federación de Cantabria na recollida de datos sobre as arceas, logo de ler sobre o tema nunha revista de caza. Posteriormente sumouse ao «Proyecto Becada», no que aparece citado como un dos 475 cazadores que axudaron á investigación. -Ao escasear a perdiz comecei a interesarme pola arcea a través de libros e revistas. Funme especializando e hoxe é a caza que máis me gusta. A arcea é como unha droga. Se es cazador de arceas, en canto sabes que as hai no monte non queres cazar outra cousa. É unha ave máxica e imprevisible. -¿Pensa que a súa caza debería estar máis regulada? -As investigacións en marcha son moi importantes. En Galicia a presión cinexética non é aínda demasiado forte, pero noutras comunidades e en países como Franza ou Italia hai moita afección. Sería necesario un control das poboacións para evitar que pase como con outras especies de caza. -A caza da arcea é inconcebible sen can de mostra. ¿Algunha raza en especial? -Eu tiven algún drathar moi bo, pero penso que o setter é o mellor can para a arcea, sempre que cumpra os requisitos de estar especializado nesta caza e de ter unha mostra firme. A arcea, cando é adulta e está moi buscada, faise unha ave moi esquiva. -¿Ten boas condicións a zona sur para esta ave? -Esta zona é moi boa para a arcea. As primeiras que chegan á comarca instálanse nos altos, no Saviñao, en Pantón ou no Incio, pero logo baixan cara ao val, buscando hábitats máis favorables para atopar larvas e miñocas.