Longa espera en Santa Mariña

LEMOS

TRIBUNA | O |

21 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

PARECE que o conxunto de mámoas do monte de Santa Mariña vai recibir por fin a categoría de Ben de Interese Cultural. Non é sen tempo. Houbo que esperar nove anos para que a Xunta tomase esta medida desde que a delegación provincial de Cultura a solicitou por primeira vez. Os trámites para declarar BIC un monumento prehistórico terán a súa complicación, pero unha espera de nove anos parece cando menos excesiva. Talvez os responsables dos correspondentes organismos autonómicos pensaron que se a necrópole de Santa Mariña aguantou sen protección legal durante 4.000 ou 6.000 anos, non lle ía pasar nada por agardar uns poucos anos máis. En fin, máis vale tarde que nunca. Os túmulos de Santa Mariña terán a súa categoría BIC dentro de nada, se non hai atrasos de última hora. Agora o que interesaba era saber cando se acordarán as autoridades de outorgar esta mesma categoría de protección legal a outros xacementos arqueolóxicos do sur lucense. Por exemplo, ás mámoas da Morá, entre Pantón e O Saviñao, que xa sofreron bastantes agresións. Por non mencionar todos os castros, petroglifos ou minas romanas que están por aí abandonados, cobertos de maleza e expostos a unha destrución súbita. Se a Xunta tardou nove anos en declarar BIC un só conxunto prehistórico, ¿canto tempo pode requerir, a este paso, protexer legalmente todo o patrimonio arqueolóxico desprotexido que hai en Galicia? ¿Un milenio? Esta lentitude e esta desgana á hora de defender o noso patrimonio arqueolóxico -¿é preciso dicilo?- están lonxe de ser algo habitual no resto do continente. Nin tampouco no resto da Península. No País Vasco, por exemplo, xa hai anos que todas as mámoas teñen a categoría de BIC. E seguramente os trámites levaron bastante menos que nove anos.