Recordar aos represaliados

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

Reportaxe | Recuperación da memoria histórica UGT e a Fundación Luis Tilve homenaxearán o próximo sábado aos ferroviarios de Monforte que padeceron represión política na Guerra Civil e na posguerra

20 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

ESCENARIO TRÁXICO. Nesta paraxe das aforas de Monforte -hoxe á beira da estrada N-120- foi fusilado en 1941 o factor ferroviario Manuel Pérez Goyanes, acusado dunha suposta sabotaxe ? sindicato UGT e a Fundación Luis Tilve preparan para o próximo sábado unha homenaxe aos ferroviarios de Monforte que foron vítimas da represión política na Guerra Civil e na posguerra. Os actos comezarán ás 11.30 na praza da Estación, onde se inaugurará unha placa conmemorativa. Posteriormente celebrarase na galería Sargadelos un coloquio no que participarán familiares de ferroviarios represaliados. Ángel Rodríguez, responsable do sindicato de transportes de UGT na comarca de Lemos e un dos organizadores da homenaxe, sinala que non foi posible encontrar en Monforte familiares directos dos ferroviarios que máis padeceron a persecución. Este feito débese ao longo tempo transcorrido desde e tamén a outras circunstancias, como a dispersión provocada pola propia guerra e a redución que experimentou nas últimas décadas a poboación monfortina empregada nos ferrocarrís. Os parentes dos represaliados que tomarán parte nestes actos viven actualmente en lugares como Vigo, A Coruña ou Madrid. A homenaxe, puntualizan os promotores, non está dedicada unicamente aos que morreron violentamente durante a guerra e nos anos posteriores ou que tiveron que tomar o camiño do exilio, senón a todos aqueles traballadores ferroviarios da zona de Monforte que «loitaron pola defensa da democracia e da liberdade» e, en xeral, a todos os que padeceron dunha ou outra forma a represión. Fermín Avellaneda, presidente da Asociación Monfortina de Amigos do Ferrocarril e investigador da historia ferroviaria local, indica a este respecto que non é posible saber cantas persoas sufriron represalias na zona. A persecución non só afectou aos que destacaron nas actividades sindicais e políticas, senón tamén a outros que non tiveron participación coñecida nestes ámbitos. É o caso, entre outros, do factor Manuel Pérez Goyanes, condenado a morte e fusilado en outubro de 1941 por causar involuntariamente na estación monfortina un accidente sen vítimas que foi considerado como un acto de sabotaxe.