TRIBUNA | O |
03 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.HOUBO un tempo, como algúns recordarán, en que o Goberno central estaba en mans do PSOE e o goberno autonómico en mans do PP. Máis tarde, o PSOE seguía mandando en Madrid mentres en Santiago gobernaba unha coalición tripartita. Veu despois outra época na que os gobernos central e autonómico estaban en mans do PP. Chegou outro momento en que a Xunta estaba gobernada polo PP, mentres o PSOE levaba as rédeas en Madrid. Agora vivimos unha época na que os socialistas gobernan en Madrid e, conxuntamente cos nacionalistas, tamén en Santiago. Isto é, xa se probaron múltiples combinacións políticas e o resultado, polo que toca a Monforte a aos seus problemas de comunicación rodoviaria e ferroviaria, sempre foi o mesmo: para Monforte, ou nada de nada ou que se conforme cunhas poucas migallas presupostarias no mellor dos casos. E así, os novos orzamentos do Estado volven deixar de lado á cidade no que respecta ás autovías e ás conexións do polígono e do porto seco. Nada novo con relacións aos lustros precedentes. ¿Que é o que se pode facer para que as altas esferas, os que cortan o bacallao, se dean conta dunha vez de que Monforte non pode seguir así? Talvez haxa que seguir probando novas combinacións políticas, a ver se algunha dá máis resultado que as que xa se experimentaron. ¿Quizá a Monforte se lle faría máis caso co PSOE gobernando en solitario en Santiago e Madrid? ¿Ou cunha coalición PP-PSOE gobernando en Santiago e outra idéntica en Madrid? ¿Ou coa Xunta en mans do BNG e o Goberno central nas do PSOE, ou nas do PP? ¿Ou co BNG gobernando en Madrid e coa Xunta dirixida por unha coalición PP-PSOE? Calquera sabe. O caso é que os anos pasan, os gobernos van e volven e Monforte continúa sen levantar cabeza.