Cómic con acento de Monforte

R. Nóvoa | F. Albo OURENSE | MONFORTE

LEMOS

Reportaxe | Novos valores artísticos galegos Unha obra gráfica do xove artista monfortino Juan Luis Pérez Rodríguez foi galardoada co primeiro premio de banda deseñada do certame Gzcrea

03 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

? certame Gzcrea é como unha Operación Triunfo cantada en galego que busca talentos no teatro, nas artes plásticas, na fotografía, na moda, na música, na literatura, na gastronomía, nos grafitos e na banda deseñada. E se hai que facer un cásting do cómic, o lugar axeitado é a Casa da Xuventude de Ourense, onde este mes se celebrarán as Xornadas de Banda Deseñada que este ano chegan á dezaoito edición e que serán presentadas hoxe da man do delegado de Vicepresidencia, Xosé Francisco Ferreiro, e da dos seus coordinadores, Benito Losada e Henrique Torreiro. Voltando a Gzcrea, o obxectivo da Xunta con esta iniciativa é destapar o talento artístico dos mozos e premiar as súas achegas á creatividade en galego con 3.000, 1.500 e 1.000 euros, respectivamente. Porque non só de recoñecementos viven os artistas do futuro. Un xurado presidido polo subdirector xeral de Xuventude, Eduardo Mato, escolleu antonte aos mellores autores da canteira galega da banda deseñada. O ollo clínico de Agustín Fernández Paz, Xaquín Marín, Carlos Portela, Kiko Dasilva e Henrique Torreiro decidiu que as Gárgolas do monfortino Juan Luis Pérez Rodríguez merecían o primeiro premio. Na segunda posición, un ourensán, Cosme Fernández González, coa obra 02:32 AM. E o terceiro clasificado nesta carrera de lápis e papel, o coruñés Alberto Vázquez Rico, que debuxou Mozos Mouchos. A obra dos tres tomará nuns días forma de exposición e de catálogo. Son mozos, non son profesionais, pero -apunta Benito Losada, secretario do xurado-, teñen moita experiencia. «Están moi bregados. Teñen premios, publicación... Son a canteira da banda deseñada. Pero o mellor desa canteira», explicaba o director da Casa da Xuventude. En definitiva, son futuro pero tamén presente.