Crónica | Santa María de Suñide
30 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.Poucas terras haberá na Península Ibérica que conserven unha memoria documental tan ampla e representativa como as que, dende a Idade Media ata 1835, estiveron suxeitas ao Mosteiro de Samos. Entre os de parroquias agora integradas no Concello de Samos aparecen documentos referidos á de Santa María de Suñide ( Sancta María de Sonniti ), que algúns acoiteladores ignorantes de toda norma evolutiva, madrileñizan como Suñiz , cando para iso, en vez de a Vila de Sonnito tería que ser a Vila de Sonnico (que non o é). Na nosa comarca, raros son a parroquia ou lugar que non teñan unha referencia nese magnífico fondo documental podendo coñecer nel moito da vida dos nosos devanceiros e da evolución dos costumes e da distribución da propiedade. Doazón a Samos Por unha escritura datada o 14 de marzo de 1098, vemos como Pedro García ofreceulle parte da Igrexa de Santa María de Suñide con outros bens adxacentes ao abade don Froilán de Samos. Enceta o documento o anónimo escriba coa forma consagrada na diplomática samonense, que repite formas estereotipadas: «No nome do inefable Deus, Pai e Fillo e tamén Espírito Santo e ademais na honra e louvanza de San Xulián e Santa Basilisa e de todos os santos, de quen as reliquias están aquí contidas, e de quen a basílica fundada, está a carón do río da Sarria, baixo o monte Oribio, no mosteiro de Samos». Nótese que di «río da Sarria», como denominación constante xa de cinco séculos atrás. De seguido o ofertante identifícase como fillo de García e de Gontina, e manifesta dar para o mosteiro samonense unha igrexa baixo do Monte Ocoso (hoxe Couso), e perto do río Sarambelo (o rego que dende Loureiro baixa ao Sárria, perto de Pedrachantada): «Eu indino Pedro García dou e ofrezo a este lugar santo e a vós don Froilán, abade, e ó prepósito Munioni e ós vosos compañeiros a igrexa propia miña que a teño da sucesión dos meus avós e dos meus pais, García e Gontina: está esta igrexa no territorio de Samos, igrexa chamada de Santa María de Soñide, baixo do monte Ocoso, discurrente o río Sarambelo; desta igrexa a metade íntegra con tódolos seus utensilios e adxacenzas». Relaciona o documento as vilas e herdades que inclúe a doazón: «Íntegra a vila de Guntino Navalla, íntegra que foi do servo do meu pai; outra herdade que está en Castelo; outra que está en Pascais; outra na Vilanova; outra en Vilaxuste; outra en Fontela de Froián; outra na Vilanova; outra en Sabadelle; outra en Figón; outra en San Sadurniño; esta metade da igrexa segundo enriba dixemos, coas casas fundadas, cubelos, cubas, e con tódolos utensilios de dentro e de fóra, segundo a min me veu en partilla ente os meus herdeiros; e ven esta igrexa extremando segundo determina polos termos antigos, isto é, por termo de Bermún, por Castro Papidi (Santa Icía), por San Pedro de Froián, por San Cosme, polo Castro de Aián, por Ceseirola (Reiriz), por Castroncán, polo Castro de Formigueiros, polo río Mao, dentro destes termos por onde a ela poidas chegar, a metade da igrexa e destas outras vilas que foron dos meus servos, íntegras con tódalas adxacenzas súas por onde a elas, son, dou, dono e ofrezo e concedo a este lugar de San Xulián, e para os monxes que alí están ou estarán no servizo do Señor e na vida Santa perseverantes sexan para remedio da miña ánima e dos meus pais, García Nuñiz e da miña nai dona Godina, de xeito que sexa para nós o Señor suave e misericordioso, pola vosa intercesión, e teñan por riba os servos de Deus temporal subsidio e nós perpetua remuneración». Aviso para o Día do Xuízo Como era cánon establecido, remata o documento sinalando as penas espirituais e materiais que terían que pagar aqueles que fosen contra o pauto feito: «Se calquera tamén o que sexa feito non creo, dos propíncuos ou dos extraños contra este noso texto irrompendo viñese ou eu veña en calquera tempo, nen voz teña nen licencia, e con Xudas o traidor pague coaccionado, e por riba dous talentos de ouro para a parte de Samos, e para a parte do rei e dos xuíces da terra outro tanto e nunca rexurda no día do xuízo, e esta escritura teña confirmación».