Letra impresa con sabor local

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

Reportaxe | Monforte celebra a novena Feira do Libro Varios escritores do sur lucense asinarán exemplares das súas obras no recinto feiral que foi inaugurado onte no centro da cidade e que seguirá aberto ata o domingo

24 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

? Feira do Libro de Monforte, que foi inaugurada onte á tarde cun pregón de Helena Villar Janeiro, conta na súa novena edición cunha notable presenza de escritores do sur lucense e de obras relacionadas coa comarca de Lemos. Nas actividades previstas para mañá, ás oito da tarde, figura un encontro co escritor Xabier Quiroga, natural do Saviñao. Asinará exemplares da súa terceira novela, Se buscabas un deus , relacionada en certa medida coa súa primeira obra, Atuado na braña , unha longa historia ambientada na comarca de Lemos que despertou un amplo interese cando apareceu, hai catro anos, gañando o premio Losada Diéguez á mellor novela galega. Entre ambos libros, Quiroga publicou a novela breve Era por setembro , moi relacionada tamén coa comarca. O escritor, que na actualidade reside en Lalín, é tamén coñecido na zona pola súa actividade deportiva, dado que en tempos xogou como futbolista no Lemos e no Escairón. O próximo domingo, igualmente ás oito da tarde, quen asinará exemplares dos seus libros será o escritor sarriao Luis Seixido, un dos novos valores galegos da literatura infantil e xuvenil, autor de O cazador de trolls e da máis recente O inventor . O mesmo día, media hora máis tarde, o profesor e escritor monfortino Fernando Saco asinará o seu primeiro libro, Os irmáns Saco ou a loita galeguista baixo o franquismo . Trátase dunha crónica sobre dous militantes galeguistas ben coñecidos na comarca de Lemos, de onde eran naturais, os irmáns Cesáreo e Camilo Saco, que formaron parte do Partido Galeguista histórico e desempeñaron un importante papel na reorganización nas forzas democráticas galegas durante a posguerra e a transición política, soportando a miúdo duras represalias por esta razón. O autor do libro é parente dos biografados e presentou o seu traballo en Monforte o pasado maio. O libro ofrece unha ampla documentación gráfica sobre a época histórica que retrata.