Pegadas dos vándalos modernos

Xaime López Arias SARRIA

LEMOS

Crónica | Destrozos no miradoiro do cárcere O monumento que foi restaurado recentemente sufriu a agresión dun grupo de descoñecidos que romperon varias farolas que iluminaban o lugar

05 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

Non é a primeira vez e tampouco vai ser a última. Poucas semanas atrás, o Concello de Sarria rematou as obras de reinstalación do cruceiro do miradoiro do cárcere, instalado hai xa máis de vinte e cinco anos, obra do artista Mallo. O cruceiro, que foi dotado dun alumeado artístico, constitúe un punto de referencia para os peregrinos que chegan á igrexa de San Salvador e non son quen de ver algún dos moitos sinais que nas paredes hai. O caso é que días pasados, un ou varios presuntos vándalos procederon metódica e sistematicamente a converter os cauces mentais de que son donos en rompemento de vidros e esnaquizaron tres dos focos que iluminaban a peza. Mala sorte semella ter este cruceiro, xa que anos atrás escolares de boa puntería, con coios e semellante alteración mental, romperon un dos xeonllos da imaxe do Cristo, afortunadamente recuperada cando se reinstalou o cruceiro. Esta actuacións de vándalos, froito da estulticia e da mala fe, son ben visibles noutros lugares públicos da vila, tal é o caso das plantas de axardinamento que, semana a semana, rompen, arrincan e esnaquizan os mesmos innominados espécimes, ou cando unha e outra vez letreiros indicadores, dos que mesmo pode depender a vida dunha persoa, son arrinconados e tirados ao río, xunto con cadeiras, vasos ou contedores. Non menos vitoriosa fazaña foi a de prender lume en contedores de reciclaxe de papel, que pouco faltou para que chegase ao interior do piso da casa inmediata. E así outras non menos gloriosas actuacións froito da incultura e que amosan o baixo grao da escala formativa. Certamente, tales vándalos pódense gabar de pertencer ás subespecies túzaro, becerreiro ou outra semellante do grupo antisocial. De seguro que tras desas accións están persoas de pouco siso, que presumen de ter sentido ecolóxico e que recibiron nos centros de ensino o verniz educativo de emerxencia e de mínimos, e que sentíronse amos do mundo e con toda a vida por diante, trocan sinais, rompen canizas, arrincan flores, pintan as paredes dos veciños (non as das súas casas) con mamarrachadas e machucan sistematicamente vidros ou raian carrozarías. Non se trata de actuacións illadas de nenos inexpertos, senón de actos de persoas das que se debería agardar certa responsabilidade e un mínimo sentido do civismo, e que son incapaces de tolerar embelecementos, melloras ou limpeza. O ocorrido co alumeado do cruceiro é sintomático. Lévase adiante unha actuación de posta en valor dun espazo e dun entorno e axiña aparece o vándalo de oficio con fígado intolerante que un a un rompe os focos instalados. ¿Padecerá fotofobia? O máis probable é que sendo suxeito ou suxeitos de poucas luces non toleren que o miradoiro luza na noite a súa beleza. Claro que tampouco sería de estrañar que esta actuación concreta proceda de aves de paso, pois está máis que comprobado que hai moito moinante pedestre que destrúe sinais no Camiño de Santiago, rompe cruces (unha que había a carón da Ponte da Áspera xa desapareceu) ou pinta sinais erróneos para confusión de usuarios. A título de exemplo hai que sinalar que no treito palentino do Camiño foron derribadas e rotas as cruces de sinalización e que nos sinais cerámicos dos marcos foron rompidos un a un, ou que no Camiño de Fisterra xentes de mentes peregrinas arrincaron nos fitos as placas que sinalan as distancias.