TRIBUNA | O |
18 jul 2006 . Actualizado a las 07:00 h.CANDO chegue o tempo en que a ninguén lle soe de nada o 18 de xullo daquela será un marabilloso día de verán para disfrutar da vida e das emocións. Por agora, aínda que afortunadamente cada vez menos, é unha data gravada aínda a sangue e lume na memoria colectiva. Tal día coma onte, do xa nefasto 1936, estoupaba a guerra civil española que deixou estrados os campos e as cidades de terror e proxectos personais e colectivos tronzados de raíz. Un horror do que agora se celebran os 70 anos e que aínda sigue a provocar reaccións encontradas e simulacións asumidas como reais para superar aqueles anos -un investigador que reconstruiu aquela época negra en base a entrevistas persoais con 300 testigos chamaba a atención nunhas declaracións sobre o feito de que ninguén recoñecese ter matado a nadie, o cal é un contrasentido en si mesmo dada a cantidade de víctimas que deixou a guerra e a represión franquista posterior-. No Ano da Memoria faise aínda necesario revisar aqueles anos. Quizás, porque como recoñece o guerrilleiro Francisco Martínez-López, Quico, aínda ninguén lle fixo xustiza aos guerrilleiros que defenderon a República -aqueles ós que o Goberno socialista de Felipe González se lle negou a revisar os procesos en que figuraban como «terroristas»- ou porque están sen rehabilitar as figuras de escritores como Gómez del Valle, como os mártires que agora se lembran no proxecto O Barco da Memoria. Os mártires do mar, que percorre desde onte as costas galegas ou como acontece en tantos outros casos. Non se trata de abrir vellas feridas, que non toca nin é tempo, só se trata de facer xustiza cos que hai 70 anos o perderon todo por algo tan nobre e tan salientable como foi a defensa da legalidade constitucional e da República. Tiralos do esquecemento e da inxustiza.