Once séculos de labor xudicial

Xaime López Arias SARRIA

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

Crónica | A administración de xustiza na comarca sarriá O vello dito «mala justicia de Sarria te mate» non se corresponde coa realidade deste exercicio na vila, que comezou a súa andaina no século X

24 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

O vello dito «mala justicia de Sarria te mate», recollido en terras de Cáceres e en América, non dá unha visión moi boa da consideración que no pasado merecían xustizas, meiriños e xuíces da Terra de Sarria. Unha actividade, a de administrar xustiza, que ten a súa orixe nos xuíces reais de Larín, que se remontan ao século X, o que significa que a comarca sarriá, como reza no Tombo de Samos, soubo da acción civilizadora e moderadora de xuíces «pola lei gótica e romana» e ata da intervención directa da curia real e do mesmo rei. Foron os nosos ancestros en extremo litigadores, axudando esa actitude a que en cada xurisdición, e eran moitas (Samos, Sarria, Somozas, Castelo dos Infantes, Sirgueiros, Láncara, ata máis de trinta), houbese cada seu xuíz, xeralmente homes que non eran de leis, e precisaban de asesores para xulgar, pouco ou nada controlados, primeiro polos adiantados e despois pola Real Audiencia. Unha ordenanza dada polo conde de Lemos no século XVI limita os días de audiencia na Pobra de Sarria, porque os homes das xurisdicións das Cinco Pobras consumían tempo e haberes en longos preitos que sustanciaban en Sarria. A administración de xustiza, na vila de Sarria, tiña lugar na Fortaleza, onde se mantivo a sede xudicial ata arredor de 1730, pasando despois a unha das salas do Hospital de Santo Antón Abade (fronte a San Salvador), onde permaneceu, compartindo ata 1860 espazo coa casa consistorial. Un proxecto de darlle un andar máis á edificación, que fora reformada en 1860 segundo o proxecto do arquitecto Luque, non frutificou, e axiña houbo necesidade de procurar casas particulares para que, en réxime de alugamento, se instalase o xulgado de primeira instancia e instrución. Traballadores Ademais do xustiza maior, meiriño ou correxedor en Sarria, que tamén tiña funcións de alcalde, había cada seu xustiza (menor) en Santo Estevo da Pobra de Neira de Susao, San Xulián da Pobra, A Pobra de Triacastela e A Pobra de Adai (O Corgo), suxeitos ao xustiza maior sarriao. E todos eles, en boa medida, debíanse ao conde de Lemos e marqués de Sarria. Escribáns, ministros de xustiza, alguacís, carcereiros formaban, xunto cos avogados en exercicio, un conglomerado de persoas que a xeralidade da poboación apreciaba moi pouco: «Hai alegría no inferno/ que morreu o escribano/ a pluma e mailo tinteiro/ quedan na mesa bailando». Sarria, xa desde 1820, foi cabeceira de partido xudicial, a afortunada creación dos primeiros liberais que fixeron posible que a atrabiliaria xustiza señorial dese paso a unha independente e imparcial. As estremas do partido xudicial entre 1820 e 1840 sufriron moitas variacións, pois o proceso de consolidación dos concellos sufriu altos e baixos. Modificacións, en suma, que farían aparecer un novo modelo territorial e administrativo, con certa artificialidade, mais que nos 185 anos pasados fixeron nacer unha relativa conciencia comarcal, que se non está máis enraizada é como consecuencia da nugalla da que, en todo tempo, fan gala os políticos, localistas ou non, que non apostan pola eficiencia, e seguen a manter estruturas que foron válidas no século XIX e que hoxe non son máis que unha rémora que impide a consolidación dos valores democráticos e de efectividade na xestión da cousa pública. Hoxe privan máis os intereses egoistamente particularistas de politiquería de manual, fronte á racionalización e á efectividade. Xuíces Cando no século XIX se crean os partidos xudiciais e aparece a figura dos xuíces de primeira instancia e instrución, morreron unhas institucións xudiciais parciais, sometidas non ao imperio da lei senón aos caprichos señoriais e aos privilexios, sen establecemento claro de xerarquías, formadas por un corpo amorfo e desprofesionalizado de conxunturais leigos en materia xudicial, amparados no criterio de «asesores» tamén máis movidos polo favoritismo que pola equidade ou a fidelidade á norma, o que explica a crueza do dito arriba citado. A Casa Grande albergou durante anos a sede xudicial do partido, mentres que o xulgado municipal ou comarcal variaban de sede. E cando en 1920 o Concello acorda comprarlles a Casa Vaamonde aos Mercedarios para establecer nela o consistorio, o vello Hospital de Santo Antón Abade pasou a ser destinado, na súa maior parte, a sede do xulgado do partido, mentres que a planta baixa da Casa Vaamonde albergou o comarcal.