Noite máxica

RUTH FERNÁNDEZ

LEMOS

EN FEMININO | O |

22 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

A QUE se ten dende sempre como a noite máis máxica do ano, coincidindo co festexo da entrada do San Xoán, chega de novo para vivila de maneira tradicional nas aldeas e vilas, así como nas cidades, onde o espíritu da chamada «noite do lume» se quere sentir igual de vivo que nas fogueiras dos nosos devanceiros. Daquela o pobo enteiro uníase na preparación e desfrute dunha noite máxica, chea de encantamentos, na que tamén se concedía unha presenza notable á adiviñación. Sendo a noite do lume, tamén é a da auga, xa que se trata dunha xornada na que as fontes santas e miragreiras, asi como as nove ondas do mar que contribúen á fertilidade e á purificación, xogan un importante papel xunto ao orballo do mencer, que outorga propiedades máxicas e curativas á auga das flores coa que se adoita lavar a cara. As flores da roseira ou rosal do demo mestúranse co fento macho e co fiuncho, que protexe do mal de ollo; coa herba de San Xoán ou espantademos; co codeso e o romeo, do que se di que ao ulir a súa madeira se conserva a mocidade. Outro dos ritos da noite de San Xoán é o de saltar as fogueiras, que feitas de leña verde para afumar ás bruxas, permiten coñecer o futuro en cuestións amorosas. O certo é que a noite de San Xoán posúe fondas raíces na nosa terra. Perviven hoxe moitos ditos vencellados a ela: «Na noite de San Xoán non te deites ata a mañán» ou «Polo San Xoán a sardiña pinga o pan».