Cultura | Libro infantil O nome da célebre serra lucense é utilizado nunha nova obra da editorial Oqo que recupera un relato tradicional europeo
14 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.? última novidade de editorial pontevedresa Oqo, especializada en literatura infantil e xuvenil, é unha obra que garda certa relación coa célebre serra lucense. A princesa do Caurel é unha versión moderna dun conto popular presente -con moitas versións diferentes- en diversas tradicións folclóricas europeas. Trátase do que se chama un conto acumulativo, a base de preguntas e respostas rimadas, cuxa función é axudar aos nenos de 3 a 7 anos de idade a exercitar a memoria e a fixar a atención a través dun xogo mnemotécnico. O ponto de partida do relato é: «¿Isto que é? Isto é o anel da princesa do Caurel». A esta pregunta e a esta resposta vanse engandindo de xeito matemático outros elementos: «Esta é a pega que roubou o anel da princesa do Caurel», «Este é o gato que pillou a pega que roubou o anel da princesa do Caurel»... A elección do topónimo -os autores escolleron a forma máis popularizada hoxe en día, en vez da oficial Courel-, segundo explican os responsables da editorial, débese por unha parte á rima, pero tamén á intención de familiarizar aos nenos coa xeografía galega, escollendo un nome ben representativo. A adaptación do conto tradicional foi feita por unha escritora que asina co seudónimo Patacrúa. As ilustracións, realizadas por Javier Solchaga, consisten en reproduccións fotográficas de figuras tridimensionais elaboradas con material de refugallo: pezas de madeira, arames, botellas... Autora sarriá A editorial Oqo, por outro lado, acaba de recibir o terceiro premio ao libro infantil e xuvenil mellor editado no ano pasado, concedido polo Ministerio de Cultura. O galardón, recaeu na obra Celestino Tarambaina s, da escritora e profesora sarriá Marisa Núñez. Este libro foi o primeiro que publicou a editorial Oqo e saíu do prelo hai case un ano, en xullo do 2005.