Reportaxe | Unha peculiaridade histórica pouco divulgada A antiga reitoral da parroquia monfortina de Baamorto, que será transformada en local social, conserva vestixios da presenza da Orde de San Xoán de Xerusalén
08 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.? parroquia monfortina de Baamorto contará desde este ano cun dos locais sociais máis singulares do sur lucense. O edificio que será destinado a este fin é o da antiga casa reitoral, que ten unhas orixes históricas moi peculiares. Na construción consérvanse tres escudos de pedra labrada nos que figura unha cruz de oito puntas, o emblema da Orde de San Xoán de Xerusalén ou Orde de Malta. Trátase dos testemuños máis visibles das posesións que tivo en Monforte esta poderosa organización militar-monástica. Durante varios séculos, a parroquia de Baamorto foi o que se coñecía como un partido, un importante enclave territorial cuxo señorío pertencía á Orde de Malta. Esta posesión dependía da Encomenda de Quiroga, xunto con outros dezaoito partidos e once coutos repartidos por terras de Galicia e do Bierzo. Entre eles figuraba o partido de Hospital do Incio, como indica a cruz de Malta que pode verse na fachada da igrexa románica desta localidade. Todos estes territorios eran gobernados por un comendador que residía no castelo quirogués de Torrenovais e despois no lugar de Hospital, tamén en Quiroga. A orde exercía xurisdición civil e criminal en boa parte destas terras. Os monxes cabaleiros sanxoanistas, ademais da parroquia de Baamorto, tiñan outras posesións menos importantes espalladas por terras monfortinas. No recente estudo La Encomienda de Quiroga y sus documentos , de Luis López Pombo, aparecen numerosas referencias documentais a diversas propiedades desta orde -fincas, hortas e vivendas- que foron arrendadas a veciños da comarca nos séculos XVI, XVII e XVIII. Entre elas figuran unhas viñas denominadas «das Malloadas», que talvez estaban xunto ao arroio do mesmo nome, hoxe dentro do casco urbano de Monforte. Outra destas propiedades achábase xunto a «la Puente del Arrabal», hoxe coñecida como ponte vella. A presenza da Orde de Malta en Monforte, porén, está aínda moi pouco estudada. Nos arquivos do pazo monfortino de Muíños de Antero -aínda se investigar- consérvanse seguramente numerosos documentos inéditos referentes a esas posesións, xa que os propietarios do pazo ocuparon no seu tempo o cargo de administradores da Encomenda de Quiroga. A Orde de Malta, fundada en Palestina en 1048, estivo instalada en Quiroga polo menos desde o século XIII e permaneceu nestes territorios ata que as desamortizacións do século XIX lla arrebataron as súas posesións. Por agora non é fácil dicir en que momento se estableceu en terras de Monforte.