TRIBUNA | O |
16 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.O DÍA das Letras Galegas nos municipios do sur lucense ofrece tradicionalmente unha peculiaridade que non é que sexa exclusiva destas terras pero que non deixa de chamar a atención: a ausencia case total de letras. Polo que respecta aos concellos, esta celebración consiste básicamente nun pequeno festival de gaitas e bailes típicos. Tócase un pouco a gaita e o tamboril, báilanse un par de muiñeiras e pandeiradas, e xa está festexado o 17 de Maio. O de menos son as letras, os libros, o idioma, a tradición literaria e oral e todas esas cousas, que ás veces están completamente ausentes da celebración e que en todo caso nunca teñen demasiado peso nin presenza. Nesta singular festa das letras poden faltar as letras, aínda que non poden faltar as gaitas. Esta é unha tradición compartida polas diferentes correntes ideolóxicas, como se comproba no caso de Monforte, onde o Concello segue ofrecendo por estas datas a mesma programación que ofrecía cando gobernaba outra forza política. O inevitable festival folclórico xa se celebrou no centro multiusos. É certo que hai algunha cousa máis, como a presentación dun libro, pero se non se chegase a dar a casualidade de que este ano se acaba de editar un libro relacionado con Monforte e a comarca -unha biografía dos irmáns Saco- é probable que o programa se limitase exclusivamente ás gaitas e pandeiradas, como xa sucedeu outras veces. Os gobernos locais non acostuman dar explicacións sobre esta sonora ausencia das letras e dos libros nas actividades dun día dedicado teoricamente a exaltar e divulgar a literatura e a lingua de Galicia. Probablemente se deba a unha convicción de carácter sanitario moi típica da tradición ibérica: a lectura estropea a vista, provoca dores de cabeza e ata pode estropear a dixestión.