Entrevista | Manuel Anxo Taboada Manuel Anxo Taboada prepárase para repetir como candidato á alcaldía de Chantada, esta vez co PSOE. El asinou a primeira reclamación do canon, e pensa que tamén lle vai tocar cobralo
15 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.É todo un veterano da política municipal chantadina. Foi alcalde durante tres anos. Foi alcalde con Chantada Nova durante case cinco anos a mediados dos anos noventa, e despois pasou á oposición con esta formación primeiro e co BNG despois. Nas eleccións do 2003 optou por retirarse a un segundo plano e foi na candidatura fóra dos postos de saída. Os seus compañeiros independentes e o PSOE consensuaron o seu nome como cabeza de lista da candidatura socialista o ano que vén. -Leva vostede desde o ano 2003 fóra da corporación ¿Que lle parecen estes tres últimos anos de goberno do PP? -Paréceme que Chantada está paralizada en moitos aspectos. O alcalde tomou decisións precipitadas e sen base, como o desaloxo da casa consistorial coa promesa do edificio multiusos que agora resulta que non ten financiamento; ou como a reforma da rúa nova, que leva desde primeiros de ano coa obra empezada e sen avanzar. -¿Pensa que o Goberno local non soubo reaccionar ante o cambio na Xunta? -Efectivamente. Pero é que o anterior goberno galego, que en teoría era un 'goberno amigo' non deixou financiamento para aquelas obras. Non había cartos daquela nin os hai hoxe. E ademais está o asunto do canon, no que os últimos movementos positivos do alcalde datan de hai dous meses. -O canon foi obxecto de negociación entre os indepeendentes e o PSOE. -O acordo sobre o canon é a parte fundamental do pacto que permitiu a nosa integración no PSOE. De feito o compromiso sobre o pago do canon foi o que me decidíu a aceptar o reto de que encabece a candidatura o ano que vén. Hai que lembrar que desde 1981, o ano no que se empezou a falar diso, ata que chegamos nós ao goberno de Chantada ninguén fixo nada por ese asunto. E ata agora ninguén foi capaz de cobrar. -¿Quere dicir que espera cobralo vostede? -Parece que estamos abocados a iso. -Na sinatura da integración Ricardo Varela só falou do canon e do enlace do polígono industrial á autovía. ¿Só pactaron eses dous compromisos? -O compromiso é que imos ter todo o apoio das institucións gobernadas polo PSOE para que Chantada teña o que lle corresponde como cabeceira de comarca e de partido xudicial. -O actual alcalde acúsaos de travestismo político e di que tanto cambio de siglas lles vai pasar factura. -Eu sempre estiven no campo do galeguismo e o pregresismo. Cando fun alcalde con Chantada Nova xa gobernamos co PSOE. -No caso de que o PP perda a maioría absoluta, ¿teme problemas para pactar co BNG? -O que nós queremos é gañar as eleccións. E se hai que pactar respectaremos as directrices municipais do noso partido. -¿Xa pedíu a alta no PSOE? -Téñoa solicitada.