Unha espera centenaria

LEMOS

TRIBUNA | O |

25 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

PARECE ser que a Dirección Xeral de Patrimonio planea realizar este ano un estudo completo do estado da muralla da fortaleza de Monforte, con vistas a unha futura rehabilitación integral. Unha rehabilitación pendente desde hai moito tempo, talvez desde hai centos de anos, e que sería importante que non quedase nun simple proxecto, como ten pasado aquí tantas veces con tantas cousas. As altas esferas gubernativas actuais, ao igual que sucedía coas anteriores, parece que non ven máis futuro para Monforte e para o resto da comarca que o fomento do turismo. Rara vez falan doutra cousa que do turismo. O problema é cómo fomentar o turismo cunha oferta hostaleira tan limitada como a nosa, cun patrimonio histórico nun estado de conservación tan deficiente, cos camiños tradicionais abandonados e cubertos de maleza... Algo habería que ir facendo en todos estes terreos -e noutros- se de verdade se pretende que o turismo chegue a ser un recurso importante para a economía local. Unha desas medidas pasaría por restaurar a fortaleza monfortina. Motivos non faltan. É un dos monumentos máis espectaculares e de maior valor histórico que existen na comarca. Non deixa de ser algo pouco común, porque en Galicia non se conservan moitas fortalezas medievais nun estado praticamente íntegro. É unha construción de dimensións considerables e se estivese ben rehabilitada podería ser percorrida na súa prática totalidade. Axudaría por tanto a reter aos visitantes durante algún tempo máis, porque -como xa se dixo moitas veces- o patrimonio monumental que ofrece hoxe Monforte pode visitarse sen problemas nunha soa mañá. En fin, a ver se esa primeira partida de 187.000 euros para consolidar a muralla é seguida despois por novos investimentos, que boa falta fan.