TRIBUNA | O |
04 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.O pasado domingo fun ao cine. Tratábase dunha película de animación, en teoría orientada ao público infantil, pero que, como logo comprobei, tamén ten choscadelas humorísticas e ecoloxistas dirixidas ao sector adulto da audiencia. Non foi o contido da película, bastante aceptable, o que máis me chamou a atención, senón o comportamento dalgúns pais e nais que consideran un deber levar ao cine aos máis pequenos. Para empezar, a cola para comprar palomitas e refrescos era o dobre de grande que a da entrada á sala. É incrible a cantidade de millo que colle no corpo dun cativo de apenas un metro de estatura, e máis nestes tempos en que se nos alerta sobre a obesidade infantil. Despois constatei que os nenos son levados en manada, é dicir, un adulto entra no cine con catro ou cinco pequenos aos que, obviamente, non pode controlar. Por outra banda, ¿que sentido ten meter na sala a rapaces de escasos dous ou tres anos que apenas saben falar e moito menos escoitar? Xa iniciada a película, comprobei a veracidade dunha teoría que veño defendendo hai tempo: aos nenos non lles gustan os debuxos animados. Enseguida empezan a rifar polas palomitas, a xogar coas luces do chan e as butacas e a andar de fila en fila atendendo aos instintos propios das súa idade. É un comportamento lóxico. O que me parece bochornosamente ilóxico é o feito de que moitos pais cren de verdade que as peripecias dos seus fillos son máis interesantes que a película e que o público paga cinco euros para poder disfrutar do concerto de berrinches («¡Jennifer, Brais, deixade iso!»), que non do filme. O peor é que ese é o comportamento maioritario. Son estes pequenos detalles os que nos seguen alonxando do estereotipo europeo. E non nos enganemos, isto pasa en Galicia e en Andalucía.