TRIBUNA | O |
25 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.MONFORTE NON podía quedar atrás, ¡ca! Á hora de escribir esta columna só se sabe da convocatoria doutro macrobotellón, o segundo en quince días. E coñecemos que o Concello dispuxo os medios para impedir que o lugar da mesma fora o aparcadoiro do Parque dos Condes. ¿Os motivos? De seguridade. Parece xustificado, porque non é que os mozos teñan por finalidade saír arrexuntarse para beber ou estar e despois danar aos coches ou o mobiliario urbano. Non. O que ocorre é que onde hai moitos, xa ben se sabe, sempre o demo anda polo medio e non falta quen descontrole e acabe tisnando en actos vandálicos o que debería quedar en esmorga. Polo tanto, que as autoridades competentes en paga de impedilo sen máis, pola contra decidan axeitar ou ofrecer outras alternativas, semella atinado. Veremos se a cidadanía está conforme, non somente co cambio cara á explanada da Compañía, senón coa simple existencia dunha convocatoria que hoxe si xa poderemos avaliar. ¿Foi un éxito ou un fracaso? Quen mellor ha poder cualificalo seguramente será o servizo de limpeza, convenientemente advertido polo propio Concello de Monforte. Moitos aínda se preguntarán por qué agrelan este tipo de convocatorias. Cómpre dicir que aparte do garrafón e prezos das copas, está claro que é por unha simple cuestión mimética. Unha moda contestada ás veces de xeito hipócrita. Porque andaremos escasiños doutras cousas, pero de exaltacións e festas onde nunca falta o alcol (nin os pais e avós) andamos servidos. ¿E acaso quedan estes lugares feitos unha patena? Claro que non. Si, xa se sabe que hai outras formas de entreterse. Somos conscientes tamén de que o alcol -agás ese vasiño de viño á comida- non é recomendable, pero a xente ten gana de troula e... Iso si, actúese contra dos vándalos.