Monforte rememora a vida e a época de Inés de Castro

Francisco Albo
Francisco Albo MONFORTE

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

A fin de mes celebraranse unhas xornadas sobre o célebre personaxe Unha lápida recordará á famosa dama medieval na fortaleza de San Vicente do Pino

23 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

?oñecidos expertos na historia galega participarán nas xornadas sobre O Monforte medieval e Inés de Castro , que se desenvolverán na cidade entre o 31 de marzo e o primeiro de abril. No programa de actividades, que foi presentado onte na casa consistorial monfortina, colaboran a concellería de Cultura, a fundación comarcal Terra de Lemos e a asociación Amigos do Patrimonio, ademais do Parador de Monforte e o centro comarcal Expolemos. O programa comprende varias conferencias, que serán pronunciadas por Eduardo Pardo de Guevara, quen falará sobre Dona Inés de Castro e a súa liñaxe ; Antonio Azaustre Galiana, doutor en filoloxía e profesor da Universidade de Santiago, que disertará acerca de A presenza literaria de Inés de Castro , e Anselmo López Carreira, cuxa intervención versará sobre A cidade medieval galega . Todas as conferencias impartiranse no parador. Os actos complementaranse cunha visita guiada ás murallas da fortaleza monfortina e a inauguración dunha placa conmemorativa dedicada a Inés de Castro que estará redactada en galego, portugués e castelán e que se instalará no entorno da torre da homenaxe. Para participar nestas xornadas é preciso facer unha inscrición previa -totalmente gratuíta- no centro comarcal de Monforte, chamando ao teléfono 982 416 046. O número de prazas en principio é limitado, en torno a un centenar de persoas. Se se supera amplamente este número, as conferencias poderían trasladarse a outro local. Fama mundial As xornadas son as primeiras que se dedican en Monforte á figura de Inés de Castro, personaxe de fama mundial moi vinculado á historia da comarca. Non se sabe con certeza se Inés de Castro naceu en Monforte ou na Limia, pero é seguro que pertencía á estirpe condal monfortina, pois era filla natural do conde Pedro Fernández de Castro. O ano pasado conmemorouse en Portugal o 650 aniversario do seu asasinato, sucedido en Coimbra en xaneiro de 1355. Inés de Castro foi a amante e despois a esposa secreta do infante Pedro, fillo do monarca portugués Afonso IV. A súa morte estivo relacionada coas manobras realizadas por membros da súa familia para involucrar á coroa portuguesa nas loitas intestinas do reino de Castela. A súa historia, mesturada coa lenda, inspirou innumerables obras literarias, teatrais, musicais e pictóricas, así como varios filmes.