Investigación na serra

LEMOS

TRIBUNA | O |

21 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

HAI xa máis dun século, o ilustre botánico Baltasar Merino levou a cabo as primeiras investigacións científicas sobre o medio natural da Serra do Courel, constatando a excepcional diversidade biolóxica de que goza esta zona. Ao cabo deste tempo, a serra podía ser o principal centro galego de investigación sobre a bioloxía das terras de montaña, pero aínda non o é. Desde hai xa sete anos, a Universidade de Santiago está tratando de construír unha estación científica en Seoane, sen que as administracións autonómica ou central se dean animado a soltar os cartos necesarios para este proxecto. Cando Baltasar Merino investigou no Courel, non había nada que se parecese remotamente a un programa de I+D. Contando unicamente cos seus propios medios, levando o seu instrumental científico a lombos dun mulo, percorreu as aldeas da montaña nunha época en que O Courel era un lugar remoto e aillado onde non había nada que se parecese nin de lonxe a unha estrada asfaltada. Un século despois, O Courel ten estradas pavimentadas, pero segue padecendo serios problemas de illamento. A poboación da serra non é hoxe nin a cuarta parte da que había nos tempos de Merino (contaba con máis de 6.000 veciños en 1900). E os científicos que queren investigar os seus recursos naturais -que son moitos máis que hai un século- seguen tendo que andar co instrumental ao lombo de aldea en aldea, aínda que poden usar todoterreos en vez de mulos. A situación, pois, parece que non mudou tanto en todo este tempo, e nalgúns aspectos, como o da demografía, mudou para peor. O caso é que, xa ben entrado o século XXI, a investigación científica está servindo tan pouco para facer progresar as zonas deprimidas da montaña lucense como o facía a inicios do século XX. É como para preocuparse un pouco.