Alexandre exerce de candidato

LEMOS

MIGUEL VILLAR

Crónica | Xornadas municipais sobre vivenda do BNG O portavoz municipal na cidade de Ourense presentou as súas medidas para mellorar a xestión do solo e o desenvolvemento urbán

15 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

?s municipais están á volta da esquina e calquera oportunidade é a boa, e senón faise, para sair na foto e aproveitar para ir fogueando ós futuros candidatos, ou ós depositarios actuais do legado das siglas de turno. Se hai pouco era o socialista Francisco Rodríguez o que sofría para aparecer na foto como un domingueiro fetén xunto ó responsable da Confederación Hidrográfica, facendo que corría mentras todos se preguntaban quen fora o heroe que o conseguirá envasar nese chandal modelo segunda pel, onte correspondeulle o turno a Alexandre Sánchez Vidal. O portavoz do BNG no Concello de Ourense -e presunto candidato nacionalista a alcaldía mentras surxen os rumorosos que din que Suárez Canal deixaría a consellería para ser cabeza de cartel na cidade- convertiuse onte no «protagonista consorte» das xornadas municipais do Bloque sobre a vivenda. Sánchez Vidal transformouse no particular porteiro de noite do Siméon mentras non chegaban Quintana e Teresa Táboas: saudaba con prestancia e poderío a constructores, arquitectos, militantes do partido, cargos da Xunta, alcaldes da competencia -Milia Méndez, rexidor ex socialista e proximamente socialista de Carballeda de Avia, deixouse ver nun foro no que participaba a titular da Consellería que investiu máis dun millón de euros no seu concello para crear vivendas sociais- e siareiros todos. Na entrada do salón de actos do Simeón dispuxéronse papeis para que os asistentes aportasen as suxestións que considerasen oportunas á Sánchez Vidal sobre a actividade municipal e, nomeadamente, sobre urbanismo e vivenda. Aplausos para Quintana O vicepresidente da Xunta, e titular do executivo en funcións pola viaxe de Touriño a Arxentina, viña á cidade a non perder o costume dos últimos tempos -cada vez que ten ocasión anuncia algún proxecto importante da Xunta para a provincia- e Anxo Quintana batiu a súa propia marca: a Xunta declarará Ben de Interese Cultural o entorno das Burgas e non desbota expropiar os terreos. Aplausos. Nas xornadas municipais sobre vivenda Sánchez Vidal non perdeu a ocasión de facer público ante o presidente dos constructores, dos arquitectos, do candidato á Cámara e outros invitados as súas propostas en materia de vivenda para o Concello de Ourense: un PXOM claro e definitivo, empresa municipal de vivenda e solo, incremento da porcentaxe oficial (20%)de vivenda protexida na cidade, oficina de asesoramento ó cidadán, xestión do 10% da promoción de vivenda, posta en valor das vivendas valeiras e xestión urbanística eficaz para os profesionais do sector. O dito, que cada quen comeza a amosar as súas armas para o 2007.