Unha tradición sen referencias

Xaime López Arias SARRIA

LEMOS

Crónica | O entroido en Sarria O espírito desta celebración perdeuse en gran medida na vila

25 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

En Sarria tivo sempre unha gran presenza a celebración do entroido, aínda que se teña perdido toda referencia a aspectos etnográficos singulares e propios, que sen dúbida os houbo, mais que non acharon plasmación documentada, agás algúns poemiñas soltos que se conservan e unhas cantas fotografías de comparsas e carrozas. Sarria, ata hai pouco, tivo a peculariedade de ser en esencia unha vila de paso, con sucesiva chegada de novas familias non consolidadas, e en proceso paralelo de abandono por parte das tradicionais. A inexistencia de continuidade e vencello por varias xeracións, e o feito de que os oficios públicos, correxedores, rexedores, escribanos etc estiveron maiormente, e non digamos xa o comercio, en mans de xentes chegadas de fóra, fixo que non haxa constancia de tradicións propias e que, por poñer un exemplo, festas como as dos Maios esmoreceran derredor de 1915 sen máis saber que a referencia de Lence Santar, ou que as festas do San Xoán non se consolidasen ata 1932. Locais Aquí hai que sinalar como tipicamente sarriao o curioso método de dispoñer de locais para os bailes de Antroido, que se facían nas escolas públicas, consistente en decretar oficial e medicamente, en cada ano, o peche das clases pola causa da epidemia do xarampin, con que se conciliaban os desexos dos alumnos de pasar un Antroido lonxe das aulas e que os notables da vila, os industriais e a xente do comercio dese ocasión o esparcemento propio deses días. Perdidas as raíces populares, só conservadas no incívico proceder que aínda os da miña xeración mantivemos ata ben entrados os anos 60 de raiarmos con tiza os traxes dos pacíficos e inadvertidos cidadáns co pretexto de que « No n che pareza mal , que estamos no Carnaval», en Sarria foron as sociedades (Casino, La Unión, Círculo Recreativo Sarriano) as que conservaron os bailes de Antroido e o de Piñata, ó tempo que desde elas tamén se promoveron saídas de comparsas e carrozas polas rúas, ou intentos de consolidar o Enterro da Sardiña. Todo iso frustrado pola Guerra Civil e todo o que dela se derivou. A partires de 1955, impulsadas pola mocidade da rúa Maior, e tamén polo animoso Antonio Suazo e os seus amigos, foi posible facer festexos na rúa e tamén que saísen carrozas, feita con máis entusiasmo que medios, mentres o tenente Lombraña miraba cara o aire. E cando se afianza o centro cultural Meigas e Trasgos de Sarria da man de Carmela González, dáse o renacemento do Antroido, coa organización de desfile de carrozas e comparsas que se ven celebrando baixo a denominación de Antroido na rúa. A calidade dos disfraces, inventiva, creatividade (hai que destacar a presenza sempre dos residentes do CAMP) e o bo humor son proba da recuperación dunha tradición anovada, transformada e se se me permite quintaesenciada. Porque malia a que hai premios e calidade, malia a que mozos e menos mozos, rapazas e mulleres de todas as idades e condicións toman por unhas horas as rúas da vila, cecais polos atavismos propios da soseira localista bótase en falla máis fachenda, máis poñer a caer dun burro, máis irreverencia, é dicir, o que é a esencia do entroido. Con todo o que se bota máis en falla e a participación e aplauso das persoas que nas beirarrúas contemplamos o pasar do desfile coa sobriedade de gardas suizos ao tempo que repetimos cada ano: «¡Isto vai a menos! Houbo mais xente o outro ano». Chispa Cecais como apunta algún voluntarioso analista, a culpa da perda da chispa, da graza, do sal groso teña que ver coa oficialización domesticadora de celebración, pola vía da subvención, de xeito que se o Concello paga hai que ser politicamente agradecidos e abonda con mesturar danza, colorido e papeliños para amosar o espíritu do entroido, operación de maquillaxe castrador que supón pagar unha forte maquía e que dalgunha maneira fai que poda ser tan noso o desfile tinerfeño que ollamos sentados na butaca do salón coma o que (isto si que é Carnaval) pasa diante nosa pola rúa forzosamente adicada, e preguizosamente mantida, en honra o protomártir tudense don José Calvo Sotelo.