No mesmo solpor da vida

CARLOS VÁZQUEZ

LEMOS

TRIBUNA | O |

03 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

SEICA UN suceso ten conmocionado a toda a veciñanza. E é que a casualidade -ou sabe Deus qué-, quixo que un matrimonio de Lóuzara, de 94 e 87 anos, falecera no mesmo día. Ao parecer, a dona finou de forma súbita des que lle comunicaran a nova da morte do seu marido. ¡Velaí as cousas! Vaia por diante o debido respecto ao loito da familia e, de paso, as nosas condolencias. E dito isto, de canto aquí en diante se diga xa nada terá que ver co asunto, senón co feito de facer un pensamento. Confésolles que logo das circunstancias lutuosas, finalmente deume o atrevemento oírlle dicir a máis de un que firmaríao para el mesmo, a bo seguro consciente de que ninguén lle desexa iso a un ser querido. Así que, póndome no caso de chegares ao horizonte da vida, abofé que ningunha outra cousa me parece máis fermosa ca sentir o solpor natural dun canda o desa persoa que se ama, non si? Que se ama ou quere, aprecia ou se lle ten en grande estima, pois ás veces en paga ou a falta dunha persoa, é un animalciño o que nos afaste da soidade e faga compaña. Xa o din os científicos, que todos precisamos de alomenos outro ser que nos leve a pensar que non estamos sós. Lembren aquela frase de Candela Peña en Princesas : «Existimos porque alguén pensa en nosoutros, senón non existiriamos». Canto máis vellos nos facemos, máis parece que medra esa necesidade, non é? Miren, de toda a vida me produciu moita tenrura observar á xente maior, sempre coas súas cousiñas e o seu andar paseniño polo camiño da vida. Máis aínda cando é un matrimonio (unha parella) o que, malia as vicisitudes polas que terá atravesado, mantén forte esa relación de confianza. O agarimo agrándase, fermentando na miña alma, ao me decatar de que entre eles sostense vivo o cariño e áxil a necesidade dun polo outro.