Crónica | Ricardo Núñez Rodríguez Ao seu destacado labor na Medicina hai que sumar a súa facilidade para escribir e, por riba de todo, a súa dedicación casi exclusiva aos máis necesitados
23 dic 2005 . Actualizado a las 06:00 h.Don Ricardo Núñez Rodríguez tivo sempre afeizón a amosar as súas ideas. Sendo estudante iniciou o seu contacto coa creación literaria e sempre tratou de ter presente a dimensión educativa fronte ó puramente literario. Tamén publicou no «Heraldo de Madrid» os artigos La Medicina y los médicos e Intrusismo y ejercicio ilegal de la Medicina . En 1896 publicou o artigo ¿Alucinaciones? en «La Higiene Popular» e «La Ciencia Moderna», de Madrid. De 1898 é a memoria lida por el no noveno congreso internacional de hixiene e demografía celebrado en Madrid. En terreo da súa propiedade en O Pereiro edificou pola súa conta unha casa para a escola de San Fiz de Vilapedre, edificación que puxo ao dispor do Concello e que estivo en funcionamento ata que se levou adiante a concentración escolar en Sarria. Con ocasión da festa de árbore en San Miguel de Vilapedre leu o discurso Porque yo quiero el árbol , que mereceu os máximos eloxios dos presentes. Co trunfo da dictadura de Primo de Rivera, como moitos outros homes idealistas, saudou o que parecía encerraba de rexeneracionismo e loita contra a corrupción, caendo máis adiante no desencanto, ao observar como o que se poidera entender como recorte pasaxeiro das liberdades non servira para que as clases dominantes seguisen coas súas nefastas políticas. Dentro dese inxenuo colaboracionismo inicial foi nombrado en 1924 vocal do comité municipal da Unión Patriótica na súa condición de deputado provincial. En 1929, como presidente de Unión Patriótica, tomou a palabra nun acto político multitudinario celebrado no cruce da estación, no que avogou pola supresión do Senado. Desencantado dos modos da Dictadura, aparece como segundo asinante nun manifesto do partido local Acción Ciudadana no periodo prerrepublicano e figura co número 82 no libro de rexistro do comité local da Organización Republicana Gallega (ORGA), na que causou alta en 1933. O Colexio de Médicos de Lugo hónrao e agarímao como un dos seus máis destacados membros, e nas xornadas médicas celebradas no ano 1933 é participante sobranceiro. Certamente recoñecen en el o médico íntegro, comprometido e humanista.