Reportaxe | A primeira igrexa española de Fátima, unha pecularidade arquitectónica Hai máis de sesenta anos que o párroco chantadino Emilio Eyré fundou en Centulle un templo de singular estilo arcaizante, hoxe praticamente caído no abandono
21 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.?a parroquia de Centulle, a pouco máis dun quilómetro da capital do municipio, encóntrase un dos máis peculiares e menos coñecidos monumentos de Chantada. O santuario de Fátima, creado por iniciativa do falecido párroco Emilio Eyré Lamas, non só é primeira igrexa de España con esta advocación, senón tamén unha singularidade arquitectónica pouco coñecida. O templo foi deseñado polo antigo párroco de Centulle nun peculiar e ecléctico estilo que mestura diversas tendencias e épocas. A parte posterior da construción é especialmente rechamante, xa que os muros exteriores da ábside imitan unha fortaleza medieval, con almeas e torreóns. Esta parte, porén, é hoxe dificilmente visible, posto que os terreos circundantes están invadidos por unha maleza moi alta e espesa. O sobriño do construtor, o ex concelleiro Luis Eyré, recorda terlle oído falar das súas diversas fontes de inspiración: «El dicía que collera ideas do prerrománico asturiano, do románico e tamén dos templos-fortalezas de Irlanda, que puido coñecer persoalmente cando estivera de viaxe nese país», explica. A influencia irlandesa ou céltica que Emilio Eyré quixo imprimir á súa obra seguramente ten relación co feito de que o santuario estea construído nunha zona onde existiu un castro. No lugar apareceron numerosos restos arqueolóxicos en diversos momentos. Algúns deles foron encontrados polo propio Emilio Eyré, que ao parecer explorou os terreos con certo método cando se preparaba a construción do templo. As obras do santuario tardaron bastante tempo en concluir, xa que non se deu por totalmente rematado ata os anos 60. Durante algún tempo celebráronse alí concorridas misas e procesións, pero no edificio apenas se celebra culto hoxe en día. Só en moi contadas ocasións se ofician actos relixiosos nesta igrexa.