O xermolo progresista de Sarria

Xaime López Arias SARRIA

LEMOS

Crónica | Nacemento do partido local Acción Ciudadana A formación foi creada nos anos 30 por un grupo de sarriaos preocupados polo benestar do municipio. Ao principio fracasaron no seu intento de obter representación

29 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

Nada hai novo, e en política menos. Nos últimos lustros na loita política local xurdiron partidos de vocación comarcal, ou nalgún caso cinguidos tamén a uns poucos concellos de comarcas inmediatas. Hai moitos anos un grupo de veciños de Sarria creou un partido ao que chamaron Acción Ciudadana. No dicir dos seus promotores, tratábase dun partido novo, «integrado por elementos independentes, que saian á loita coa cara descoberta e o empuxe necesario para destaparse, a laborar polo ben público e a restablecer e volver aos seus cauces o imperio da xustiza, que na orde económica-administrativa estivo durante máis de 30 anos supeditado exclusivamente ao favoritismo». Estas palabras de presentación corresponden a unha comisión, que, rematada a Ditadura de Primo de Rivera, quere ir contra a política caciquil e oficialista, que en Sarria se personificaba en Casa Saco. Esta comisión estaba formada por: Antonio González Macía, Ricardo Núñez, Modesto Rivas Viñas, Jesús Ferreiro López, Francisco G. Delgado, Eloy González Zaera, Otón Gallego Pombo, Camilo González Macía, Xosé Pérez Batallón, Mario González Zaera, Matías Vázquez, Dimas González, Enrique Sánchez, Manuel Díaz, Xosé F. Márquez, Manuel L. Piñeiro, Antonio Díaz, Xoán Amil e Dalmiro González Zaera. A vida daría moitas voltas en seis ou sete anos, e así Camilo González sería presidente da xestora do Concello en 1931, Otón Gallego morrería asasinado, Mario González chegaría a xefe territorial da Falange en Galicia e a ser sometido a consello de guerra, Matías Vázquez sería alcalde en plena Guerra Civil e Xosé Márquez pertencería activamente a Izquierda Republicana, sendo director de publicacións xornalísticas. Esta amalgama de persoeiros, que nace conxunturalmente, aparte dalgunha que outra actuación na primavera electoral de 1931, pouca actividade debeu ter, e desde logo xunto a elementos claramente progresistas inclúe o grupo toda unha serie de oportunistas de conviccións democráticas pouco fiables, ao tempo que outros non pasan de ser meros idealistas. Tal é o caso de Ricardo Núñez, quen desde as posicións liberais de fins do XIX foi pasando a un confuso rexeneracionismo que o levou a saudar a redentora Ditadura de Primo de Rivera, na que foi deputado provincial e que desde a altura dos anos, agás algunha incursión non partidaria na etapa republicana, o levou a afastarse das miserias da política para adicarse en corpo e alma ó se apostolado cívico no hospital rural por el creado e dirixido. Acción Ciudadana propoñía que o pobo renaza, se emancipe, goberne, vele polos seus intereses, atenda á administración pública, que se fomenten as obras que redunden no beneficio xeral, que se arranxen rúas, camiños e pontes en todo o termo municipal, evitando o estado vergoñento das vías de comunicación, impropio dunha comarca civilizada. En esencia, ideoloxicamente propugnaban que o pobo se rexise por si mesmo.