Outros camiños

CARLOS VÁZQUEZ

LEMOS

TRIBUNA | O |

05 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

COMEZA A NOVA tempada e xa temos tema para o debate. Coma sempre, os asuntos que máis nos preocupan son a educación, a sanidade... Precisamente referíndose a esta última, o executivo central vén de arrebolar unha proposta que non vai callar aquí no país. Preténdese financiar a sanidade aplicando unha suba nas taxas que gravan os combustibles e a electricidade. ¡O que facía falla! Non é esa a solución. Así quedou manifestado cando dende este outeiro nos opuxemos ao chamado céntimo sanitario que instaurou a Xunta de Galicia -entón gobernada polo PP-, e non distinto vai ser agora. Iso si, desta volta incluso o presidente da Xunta desbota tal posibilidade. Semella que por convencemento do propio Touriño e porque o gravame iría enriba daquel. Aínda vixente, por certo. Outro tanto se mantén dende o BNG. É de congratularse que coincidan. Os carburantes e a electricidade son e deben ser tratados como sectores estratéxicos. Xa dabondo teñen co seu. Asemade, a proposta non repararía as deficiencias nin atendería o esforzo que supón en servizos a dispersión e avellentamento da nosa poboación. E niso coinciden tanto socialistas como nacionalistas.