Crónica | Praza de Xoán María López ou do Mercado Este emblemático lugar na vila coñecese hoxe popularmente como praza de Santa Mariña e segue sendo un punto de referencia para os sarriaos
09 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.O espazo que hoxe coñecemos como praza de don Juan María López, e que popularmente se ven chamando praza de Santa Mariña, é froito da ampliación da antiga praza do Mercado, que levaba este nome porque cada domingo, desde séculos atrás, as xentes da comarca concorrían os domingos a vender nela os seus productos, situación que se mantivo ata a década de 1950 en que, desafortunadamente, foi suprimido ese mercado semanal. A praza do Mercado e o Adro de Santa Mariña, onde había alpendres con taboeiro, eran o único punto onde se podían beneficiar productos do Marquesado de Sarria, en non sendo na feira do 15 no Palacio de Paradela (Vilamaior) e a feira aneira de San Lázaro. Compra do terreo En 30 de xuño de 1870 o Concello de Sarria adquiriu da viuva de Solance novos terreos para ampliar a praza, a carón da vella iglesia románica de Santa Mariña. Constituían o Concello: Xosé Macía de Neira (alcalde 1º), Manuel de la Vega Armesto (alcalde 2º), e os rexedores Xosé Lois Rivas , Antonio Macía de Neira , Xoán Antonio Ulloa, Antonio de la Peñ a, farmaceutico, Xoán Sarry , fabricante de curtidos, Antonio López Valcárce l, Fructuoso Rodríguez , Xosé López Vázquez e Ramón Moreira. O proceso de ampliación iniciouse por unha comunicación da Deputación, que no seu contante anhelo de dar impulso a las obras públicas consignou 22.000 escudos, para subvencionar obras de interese puramente local, correspondéndolle ao Concello de Sarria 1.771 escudos, e en vista da dita axuda, en sesión ordinaria de día 29 de outubro de 1868, tendo en conta «que o local que ocupa o mercado que semanalmente se celebra na vila non corresponde á importancia do mesmo por acharse moi reducido, do que se seguen perxuizos de consideración, sendo polo tanto o seu ensanche a obra máis perentoria e necesaria e a de máis recoñecida utilidade pública e xeral» acordou que se adquira do modo convinte o e legal o terreo e caseta colindante propios da referida señora doña Xosefa Solance en cuxo local se fagan as melloras necesarias ata onde alcance a dita cantidade. O Concello fixo a oferta a propietaria da céntrica finca, Xosefa Solance, e os peritos Manuel Rivas e Xoán Carreira , agrimensores titulares, procederon a valorar a casa e o terreo situado ao norte da Praza do Mercado e adro da igrexa. O prezo fixado foi de 1.700 escudos, quedando a favor da señora de Solance o aproveitamento dos carballos e dos materiais da casa. Ampliouse así moito a praza do Mercado coa adquisición a doña Xosefa Solances de recuero da caseta, leiro adxunto e pozo (que aínda se conserva hoxe tapado con plancha de ferro e agora co solado da praza). Nos anos 1880 ao derrubar a igrexa románica de Santa Mariña e alzarse a nova, a praza do Mercado sofreu unha grande remodelación, pois sendo enteiramente en costa, acorda o Concello facer unha parede de contención, con que, por vez primeira na historia local, se conta cunha praza ampla (a Principal ou da Constitución non pasaba de ser unha praciña acurralada). Palco e árbores A mocidade dos 1890 e os concellos decimonónicos embeleceron a praza cun palco da música e coa prantación de árbores (tileiras, plátanos) e instalación de bancos de pedra (os restos conservados andan agora polo Chanto, despois de pasar polo campo da feira). Esta segunda praza, en agradecemento ao mecenas don Juan María López, perdeu o nome tradicional, pois na testamentaría deste capelán castrense e fervente carlista sairos os recursos para facer a nova igrexa de Santa Mariña. E a grande parede de contención (O Murallón) deu nome a rúa que desde a rúa Maior baixaba ata a rúa do Porvir (agora neste treito Marqués de Ugena). Se en quen corresponde houbese un anaco de sensibilidade, rara avis , habería que poñer unha lápida que diga: Praza de don Xoán María López, antes praza do Mercado.