TRIBUNA | O |
30 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.XA transcorreron dous anos desde que o Concello de Monforte pasou a ser gobernado pola coalición BNG-PSOE. E curiosamente, ao cabo deste tempo, a rotulación interior da casa consistorial segue a estar escrita en castelán. Non se pode dicir, pois, que houbese moita precipitación á hora de aplicar a normalización lingüística por parte deste goberno municipal, que non obstante é tildado con certa frecuencia de batasuno e outras cousas así por algún que outro iluminado nos foros de Internet. Máis curioso aínda é que este goberno municipal diga que, no que toca ás cuestións idiomáticas, prefire facer as cousas con respecto e sensibilidade, sen imposicións. É difícil de crer que a estas alturas alguén poida sentir ferida a súa sensibilidade ou seu pudor polo feito de ver nun edificio público letreiros que digan cousas como «tesourería» ou «primeiro andar». Letreiros que por outra parte son algo común e corrente desde hai moito tempo en institucións públicas gobernadas por señores e señoras do PP.