Denominación de orixe Sarria

Xaime López Arias SARRIA

LEMOS

Crónica | O dereito a ser considerado sarriao A vila foi feita con desaparecidos grandes apelidos, e foise enriquecendo a través dos anos coa chegada doutros novos de diversas procedencias

19 mar 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

É teima que de cando en vez salta na prensa, a de que alguén saia dando carta de naturalidade ou poñendo en dúbida os valores persoais de alguén polo feito de «ser de fóra» como se houbese algún estanco onde se pode dar e conceder patente de sarrianidade. E dicir isto nunha vila que en 1870 tiña arredor de 500 habitantes e agora pasa dos 7.500, é evidente que constitúe unha temeridade, pois agás tres ou catro familias que afunden as súas orixes sarriás máis aló do 1750, os demais somos, no máis amplo senso da palabra, uns recén chegados. Se a Sarria de 1870 non alcanzaba máis de 80 casas, alzadas no outeiro castrexo e nas aldeas da Ponte Ribeira e A Áspera, ninguén dotado de certa seriedade pode falar de pedigree ou bouquet seculares. Na maior parte dos casos, rascando tralas nosas orellas, aparecen ata dazaséis tataravós de rabela e aixada. E a moita honra. Apelidos foráneos Excepción feita dos Moreno, Macía, Colomo, Franco, e derivacións dos Díaz de Guitián, Carrozas e un pequeno etc., a meirande parte dos apelidos sarriaos teñen orixe foránea, cando non veñen de Teruel, Valladolid, Zamora ou da área cantonesa. Por iso, cando con intencionalidade pexorativa moitos neófitos de recente castimonia e entroncamento recente en Sarria tratan de alcumar a alguén de forasteiro, sería bon lembrarlles aquilo que foi gala de A Coruña, a cidade onde ninguén é forasteiro . Porque se algo distingue a cidadanía é a liberdade de adscrición fronte á ruralidade que conleva un certo estar atados ao torrón. Iso porque Sarria foi feita cos desaparecidos grandes apelidos Díaz de Guitián, Novoa, Ulloa, Saavedra, Figueroa, Cedrón... e foise enriquecendo coa chegada doutros novos, Yebra, Herrero, Tallón, Badiola, Fernández Gallego, Peñamaría, Álvarez, Saco, Somoza, Zaera... procedentes da Pobra do Brollón, de Castrogonzalo ou de Eibar, de Vilademouros, da Fonsagrada... que de todas as direccións da rosa dos ventos viñeron facer niño en Sarria. E foi esa aportación o máis enriquecedor patrimonio que Sarria ten recibido. A Vila de Sarria, das 80 casas, acolleu esas novas xentes e foi medrando, restándolle superficie a Requeixo, Maside, Vilar de Sarria, Fontao e Farbán. Proceso de enriquecemento que fixo posible unha vila aberta e integradora, que agora, se imos ter presente o que lemos e escoitamos, é posta en dúbida por autotitulados dispensadores de carné de identidade. Vana pretensión é arredar años de cabuxos , xa que é sarriao todo aquel que en Sarria vive, que as diferenzas por razón de nacemento están non só superadas senón prohibidas por estatutos e constitucións e declaracións universais e certo é que a maior parte dos sarriaos amosamos unha identidade de primeira xeración, o que desde logo non nos dá patente para poñer en dúbida a sarrrianidade de ningún dos nosos actuais convivintes que chegaron nas sucesivas ondas. Os pequenos grandes apelidos da vila acougan tempo hai no cemiterio municipal, e os libros do Rexistro Civil acollen os dos máis ou menos recén chegados, sen prelación nin preferencia algunha. Por iso é absurda fachenda, e innecesaria soberba, montar o circo de nós somos sarriaos de pro, aqueloutros viven movidos por torticeiros intereses e non son sarriaos . Será bon, e niso andamos, recoller os nomes e apelidos, e os feitos que os documentos e a memoria gardan, dos sarriaos de todos os tempos, e así poderemos ver que o pobre de solemnidade ou o bufariñeiro de tres séculos atrás botaron adiante os xenes en conspicuos profesionais ou destacados industriais, feito que honra a un e outros. Máis de dez mil nomes constitúen a base dun diccionario biográfico, Xentes de Sarria, que está xa en avanzada fase de elaboración, e no que labregos, ferreiros, pescantís, xornaleiros... aparecen xunto cos fidalgos de berce liñarego os dos rexedores de manga ancha, que de todo deu a comarca. E como creo ter lido que se ten sinalado como grave falta a de que innominados conveciños viñeron a Sarria para se facer ricos, para completar os datos dese colectivo traballo biográfico agradecería, só por curiosidade, que se facilite o dato dos que viñeron para se facer pobres para incluilos na dita obra... Coido que agás as Hermanitas de los Ancianos Desamparados, con formal e real voto de pobreza, os sarriaos que quedaron en pobres non foi por falla de desexo de se facer ricos, senón como consecuencia das concomitancias pragmáticas das estruturas. ¿Ou non? O dito: ningún apelido ten rexistrada a marca Sarria. Os Saavedra da Casa Grande, entre os séculos XVI e XX, mandaron poder, eran ricos e non crearon riqueza. Calquera homildoso López, descendente dun pegureiro de Biville, fixo, sen ter brasóns nen escudos, máis labor por Sarria que aqueles que asinaban con dezaséis apelidos.