Un exemplo de xenerosidade

Crónica | Juan María López de Almance O coñecido popularmente como O Cura de Nullán destacou polas donacións que fixo para construir a nova igrexa de Santa Mariña ou parte da catedral de Lugo


sarria

Don Juan maría López de Almance naceu na Casa da Ribeira ou de Pumares de Vilar de Sarria. Era fillo de don Eufrasio López e de dona María de Almance. Foi Tamén coñecido como o Cura de Nullán, porque nesa parroquia de As Nogais pasou varios anos como párroco, antes de ser nomeado capelán castrense da vila de Sarria.Home de grande riqueza, parece ser que tiña ferrarías na zona do Bierzo e que tamén foi afortunado na lotería, e así hai constancia de que fixo convenio con Pedro Rodríguez e Juana Carballo de Sarria, para a explotación dun establecemento de ferro en bruto e laboreados nas ferrerías de Quiroga e outras. recibiu a distinción de Cabaleiro da Orde Américas de Isabel la Católica. A agora chamada Casa do Barrio de Sarria débese ao seu actuar. Sabemos que o 12 de febreiro de 1853 contratou con Xosé Monteagudo a compra de mil carros de pizarra para facer a casa que en 1854 xa debía estar rematada, e que se ubicou na Cortiña da Ponte Ribeira. A pedra foi arrincada nas traseiras das casas de Arrabaldom dando lugar a aparición de solares con fronte á estrada de Valdeorras (hoxe rúa Benigno Quiroga) que neses anos estaba sendo rematada. O 4 de xuño de 1859 solicitou do Bispo de Lugo a autorización para edificar unha capela á beira da súa casa. O día 7 seguinte recibiu a autorización do diocesano. O 3 de xullo de 182 solicita poder obter a benzón da capela e dos ornatos dela. A capela, baixo a advocación de San Roque, foi obxecto de benzón o 12 de febreiro de 1863. Celebrou a primeira misa frei Pedro Echebarría, misioneiro da Compañía de Xesús, e fixo o sermón frei Pedro Sáenz de Cenzano, da mesma orde, en acto que tivo lugar o 25 de agosto de 1863. O 20 de abril de 1865 foille concedida autorización para ter sepultura propia na capela de San Roque, onde foi enterrado logo da súa morte, acaecida o día 4 de febreiro de 1878, ós 84 anos de idade. Otorgou testamento perante o notario de Lugo don Domingo Carballo e Cabo, o 8 de abril de 1872. A súa magnanimidade débese que, con cargo a súa abondosa testamentaria, se rematasen as dúas torres da fachada principal da catedral de Lugo. Tamén a súa testamentaria se debe a construcción da nova igrexa de Santa Mariña, que substituiu a primitiva románica, que dende anos atrás estaba moi deteriorada. Derrubada a igrexa, e desoíndo algunhas voces que pedían que se fixese beira da estrada de Valdeorras, pois xa empezaba a haber casas na parte baixa, gracias á dispoñibilidade de diñeiro a igrexa foi rematada moi axiña. Unha lápida que fai resume dos seus méritos colocada no interior da igrexa de Santa Mariña, remata coa frase «¡Sarrianos, vividle agradecidos!». Non correu con cargo a súa testamentaria a totalidade da construcción da igrexa, xa que tamén se empregaron algúns fondos facilitados polos fregueses e fondos da Facenda Pública, mentres que o reloxo foi adquirido con fondos municipais e as vidreiras foron pagadas por don Matías López, razón pola que no ábside se ven as representacións de San Matías e Santo André (a muller de don Matías era dona Andrea de Andrés Sánchez). Por esta doazón fíxose acreedor á homenazxe dos sarriaos que o coñeceron,xa que na Sarria de fin do século XIX, en expansión, facíase sentir a necesidade dun templo amplo e axeitado ás grandes concentracións de fieles. A antiga praza do Mercado leva o nome de don Juan María López en lembranza de tan xeneroso mecenas e no salón de sesión do Concello está o seu retraro o óleo cunha lenda da parte inferior, sendo este retrato o inicio da Galería de Sarriaos Ilustres, malia que tivese que acabar sendo rescatado do esquecemento en que estaba, mal gardado no faio do Concello, e hoxe luce despois de ser reparado por Rodim. A Casa de Nullán ou da Ribeira, na que morreu, foi herdada polos seus achegados da Casa do Barrio de Louseiro, a familia Rivera, razón pola que acabou sendo coñecida como Casa do Barrio, hoxe propiedade dos herdeiros de don Fernando Taboada de Zúñiga, alcalde que foi de Sarria e deputado provincial. Derrubada a Capela de San Roque, cando se fixo a ampliación da estrada de Lugo a Ourense por Monforte, dentro do plan de accesos a Galicia, posteriormente gracias a unha meritoria xestión no seu momento de don Eugenio López Prado, foi trasladado o sartego que contén os seus restos á igrexa de Santa Mariña, construida mercede á súa xenerosidade, e sería de intereses que tamén se coloque alí a lápida identificadora que na capela había, porque así estará máis presente na memoria dos sarriaos a xenerosidade dun dos seus máis destacados fillos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

Un exemplo de xenerosidade