Un galego ilustre do século XIX

LEMOS

Crónica | Semblanza de Vicente María Vázquez Queipo É un dos personaxes más coñecidos da historia da comarca e ocupou importantes cargos como deputado a Cortes, senador do Reino ou subsecretario de Gobernación

27 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

Agora que moitos están a coñecer e recoñocer a galeguidade e a valía de don Vicente María Vázquez Quiroga Queipo de Llano, hai que destacar o feito de que xa desde a década dos anos 1960 Sarria lle adicou unha rúa, no entón chamado Barrio Novo. Responsable desa atinada suxerencia foi o académico don Francisco Vázquez Saco, a quen se debe o bautismo de moitas das rúas locais e que, cando menos con relación a esta, viu enmendada a plana por municipaladas como foi a de deixar de lado a don Xoán Arias de Arbieto e familia. Xa se sabe que... Sendo unha das glorias da comarca sarriana o rueiro da vila leva con fachenda a adicación a súa memoria, e se hai uns días Lugo fixo pagamento da débeda dándolle o seu nome a unha rúa capitalina, vemos como o seu berce, Samos, segue a ignoralo, iso sen ter empacho da rúa Xeneralísimo coa que galana se honra. Segundo recollen as enciclopedias, naceu don Vicente María en San Cristovo do Real (Samos) o día 17 de febreiro de 1804 e faleceu en Madrid o 11 de marzo de 1893. Era neto do conde de Toreno e membro dunha familia samonense de rancio abolengo, con solar na torre Pazo de Lusío, ingresou na Universidade de Valladolid en 1820 e ao cabo de dous anos foi nomeado sustituto de cátedra de Matemáticas Sublimes. No 1824 recibiu os graos de bacharel en Leis e Filosofía e seguidamente os de licenciado e doutor na Facultade de Leis e catedrático por oposición de física experimental e Química (1826). En 1829 déronlle o título de abogado dos Reais Concellos e foi pensionado para completar estudos na Escola Central de Artes e Manufacturas de París, onde permaneceu ata comenzos de 1832. Na escola parisina foi nomeado repetidor da cátedra de Física, inventando un instrumento para medir distancias. Fernando VII, coñecedor do seu grande prestixio, designouno axente industrial no extranxeiro e en 1835 accede o cargo de oficial primeiro da Gobernación, ao que renuncia en 1838 para ocupar o cargo de fiscal da Facenda da Habana. Alí escribe en 1839 Memorias sobre la reforma del sistema tributario de la isla de Cuba (Madrid 1844), encargadas polo superintendente xeral da Facenda. Realizou tamén un informe para ver as posibilidades de incremento da poboación branca, eliminando a escravitude dunha maneira gradual, traballo polémico que espertou o interese dos españois e extranxeiros (o goberno francés ordenou que fose traducido ao francés para a súa difusión no país). A obra da súa autoría universalmente coñecida foi as Tablas de los logaritmos vulgares , premiada na Exposición Universal de París de 1867 e declarada de texto polo Consello de Instrucción Pública. Ademais publicou Informe fiscal sobre el fomento de la población blanca de la isla de Cuba y abolición gradual de la esclavitud: obstáculos que a ella se oponen y reformas que deben hacerse en todos los ramos de su legislación (Madrid 1874), colección de varios artigos en defensa do informe fiscal; Cuestión de harinas (Madrid 1848); Essai sur les systèmes métriques et monétaires des anciens peuples depuis les premiers temps historiques jusqu'á la fin du Khalifat d'Orient (París 1859, tres volumes), non hai moito tempo editada a súa tradución pola Deputación Provincial de Lugo; La cuestión del oro reducida a sus justos límites y medio de sentar el sistema monetario sobre una sólida e inalterable base (Madrid 1861); La crisis monetaria española considerada en sus causas, sus efectos y su remedio (Madrid 1866); La cuádruple alianza monetaria considerada en su origen. Objetos, ventajas e inconvenientes e imposibilidad de su adopción en España (Madrid 1867). Vázquez Queipo foi deputado a Cortes e senador do Reino en varias lexislaturas, ocupando os cargos de subsecretario de Gobernación e director xeral de Ultramar, maxistrado honorario do Supremo Tribunal de Guerra e Mariña e do Maior de Contas do Reino, conselleiro de Instrucción Pública, individuo de número das Reais Academias de Ciencias e da Historia e correspondente do Instituto de Francis e doutras institucións extranxeiras. Vázquez Saco, por outro lado, tivo activa participación como patrón na Fundación Blanco Lema, levando adiante en Cee o mandato recibido a prol do ensino, convertindo as escolas na vila mariñeira nun foco de cultura que serviu de exemplo para outras institucións semellantes. No sarriao Pazo de Vilasante gárdase memoria documental e gráfica dun dos galegos máis ilustres do século XIX. Pena é que tivesen que pasar 111 anos para enaltercer a súa figura. Nesta ocasión, gracias a Vázquez Saco, Sarria foi unha adiantada.