LA TRIBUNA | O |
10 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.QUEDOU atrapado no pozo e foi un home de raza xitana quen foi avisar. Ocorreu hai poucos días nun lugar de Vilagarcía. Os feitos producíronse así. Un home de xa avanzada idade non tivo mellor ocorrencia que atar unha corda e baixar por un pozo de uns doce metros estreitiño coma un fío. Estas valentías adoitan a darse e case sempre con resultados tristes. Moitas veces nos pozos sépticos. Polo visto o paisano baixara até o fondo coa intención de recoller uns rachos que lle caeran alí. Iso explicaba cando todos lle recriminaban o que fixera, que puido ter moi mal final. Quede ben dito, que unha mala hora témola calquera. A veciña preguntáballe por onde se metera, que sentía os berros pero non sabía de onde viñan, sinalaba. O home contestoulle que metido no pozo. «¿E logo non viches alí a roupa?», preguntou. Botando as maos á cabeza dixo que ela non vira nada. Malia o susto que levou o protagonista deste suceso, que relataba como tentaba agatuñar e sempre volvía a esvarar, todo acabou ben. Grazas a que oportunamente pasaba un xitano, oíu baduar e deu a voz de alarma. Porque o señor admitiría despois que xa non as tiña todas consigo.